miércoles. 16.07.2025

A Mostra do Aceite de Quiroga reforza o seu éxito cunha nova ubicación e máis participación

A 25ª Mostra do Aceite de Quiroga celebrouse con cambios significativos que contribuíron a aumentar a participación do público. Un dos aspectos máis destacados foi a nova ubicación dos postos de venda e actividades, situados no centro da vila, o que favoreceu unha maior afluencia de visitantes. A integración de aceites, catas e artesanía nun espazo cómodo e accesible permitiu que a xente gozase da festa dunha maneira máis intensa.

somoscomarca_quiroga_mostradoaceite (13)

A organización facilitou, ademais, o acceso ao muíño de Bendilló, onde tivo lugar a tradicional demostración da elaboración de aceite. Un servizo de autobuses gratuíto trasladou aos visitantes durante toda a mañá, asegurando que todos puidesen vivir de preto este proceso ancestral.

somoscomarca_quiroga_mostradoaceite (5)

No marco da Mostra, desenvolveuse o Congreso arredor do aceite de oliva de Quiroga, unha iniciativa que consolidou o interese polo sector e puxo en valor a tradición oleícola da zona. Ademais, os asistentes gozaron dun ambiente festivo con animación musical, pasarrúas e actuacións de grupos tradicionais.

somoscomarca_quiroga_mostradoaceite (9)
José Luís Ribera, alcalde de Quiroga, mostra orgulloso unha botella de aceite da terra

Un dos momentos máis relevantes foi o nomeamento do primeiro Embaixador do Aceite de Quiroga, un recoñecemento que recaeu no Chef Kike Piñeiro, do restaurante A Horta do Obradoiro en Santiago de Compostela. Para complementar esta distinción, o cociñeiro realizóu unha demostración culinaria na que os aceites de Quiroga foron os protagonistas, amosando as súa calidade e versatilidade na gastronomía.

somoscomarca_quiroga_mostradoaceite (12)

A Mostra incluíu diversas catas comentadas dos aceites participantes, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer en profundidade as características organolépticas destes produtos. Ademais, a música de raíz estivo presente para pechar o evento cunha actuación especial no anfiteatro do recinto feiral.

somoscomarca_quiroga_mostradoaceite (16)

O evento, declarado Festa de Interese Turístico, reafirmouse como unha cita ineludible para os amantes da gastronomía e da tradición, cunha edición que destacou pola súa organización e pola implicación de produtores, profesionais e visitantes.

A Mostra do Aceite de Quiroga reforza o seu éxito cunha nova ubicación e máis...