En Marea recolle máis de 2.000 sinaturas contra o peche do Rexistro da Propiedade en Trives
Máis de 2.000 sinaturas contra o peche do Rexitro da Propiedade de Trives chegaron á Subdelegación do Goberno de Ourense presentadas polo voceiro de En Marea, Luís Villares, acompañado dos deputados por Ourense, Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez e mailo voceiro de Son de Trives-En Marea Macizo Central, Jorge Vázquez.
O Rexistro da Propiedade de Trives da servizo aos concello de A Pobra de Trives, Montederramo, Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas, A Teixeira, Manzaneda, San Xoán de Río e Larouco. Se desaparece, os veciños destas localidades terían que desprazarse a O Barco de Valdeorras para calquera xestión, posto que o goberno central decidiu agrupar estes dous servicios.
Jorge destacou que "aproximadamente o 60% da poboación do Macizo Central está representada nestas sinatura", engadindo que "é un logro da xente que se involucra para loitar contra todos os dereitos que nos pertencen e que consideramos imprescindibles".
Os deputados de En Marea agradeceron aos representantes de Son de Trives que sacasen adiante esta iniciativa contra un recorte máis do PP: “O noso presidente lóubase que esta é a lexislatura do rural pero semana a semana vemos como nos van vindo os recortes de dereitos esenciais de calquera habitante de Galicia, viva nunha aldea ou na gran cidade”, sinalou Rodríguez, que xa adiantou que En Marea seguirá “pelexando para que estes recortes non se fagan efectivos”.
Pola súa banda, o voceiro de En Marea, Luís Villares, sinalou que non se resignan "ao esmorecemento do rural e por iso propomos alternativas para evitar a perda de servizos públicos”.
O Real Decreto 195/2017 aprobado polo Goberno central para suprimir en toda Galicia dez demarcacións dos Rexistros de Propiedade é, para Villares, inaceptable “pois recorta un servizo básico á cidadanía, indispensable para transacións de carácter inmobiliario do máis básico e cuxa supresión daría lugar a unha perda da calidade de vida a un rural que xa está sendo suficientemente castigado”.
“Ocasionaría unha dilación dos procedementos relacións co rexistro da propiedade inmobiliaria, unha perda de emprego no medio rural derivado do peche de oficinas e a perda da función liquidadora das propias oficinas”, denunciou Luís Villares, antes de advertir que “En Marea non se resigna a esta situación e por iso promovemos mocións esixindo o mantemento destes servizos pois todo o mundo paga os seus impostos e non pode haber cidadáns de segunda, como pretende converter o PP á xente que segue vivindo no rural. “Non nos conformamos coa Galicia minguante á que quere someternos o PP”, concluiu o voceiro de En Marea.