lunes. 02.06.2025

O Concello de Manzaneda máis preto de firmar o convenio para reformar a residencia

O Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o  delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudiron o municipio este 8 de maio para visitar o inmoble
P_somoscomarca_240805_manzaneda_residencia
O Concello de Manzaneda máis preto de firmar o convenio para reformar a residencia

Un total de 304.865,85 euros é o que se inverterá na mellora da residencia da terceira idade do municipio. Este inmoble forma parte dun lote de construción, mellora e ampliación de 24 centros de atención a maiores. En concreto, o Concello de Manzaneda levaba esperando a aceptación desta subvención dous anos.

A mellora realizárase con cargo Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais, dos fondos europeos Next Generation UE. 

Para poder coñecer de primeira man a zona, o Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o  delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudiron o municipio este 8 de maio. 

«Viñeron ver o tipo de obras que se van levar a cabo. Ningún dos dous viñera nunca a Manzaneda entón queremos agradecerlles que se achegaran ata aquí», di Amable Fernández, alcalde de Manzaneda. Durante esta visita amosáronlle cales ían ser as reformas e «estivemos nas habitacións para mostrarlle o que queremos facer nos cuartos de baño. Tamén falaron cos nosos maiores que estaban cunha das súas actividades», explica Fernández. 

O seguinte paso é a «redacción dos convenios que son individualizados dos 24 concellos os que se lles concede esta subvención. A finais deste mes esperan telos feitos», adianta o alcalde. Tras firmar este acordo, «hai que facer o proxecto definitivo e licitar. Estas cousas levan tempo, pero ten que estar rematada antes do 31 de decembro do 2025», aclara. 

O centro de día

Con motivo desta visita aproveitaron para acudir o centro de día, «xa que vimos de firmar un convenio co Consorcio para que sexa Manzaneda quen o xestione definitivamente», comunica. Entón, a partir deste momento «ímoslle dar máis vida. No caso de que algunha persoa externa queira facer un Centro do Maior, nos xa teriamos a potestade para cederlle algún dos locais que se inclúe alí dentro».

O Concello de Manzaneda máis preto de firmar o convenio para reformar a residencia