sábado. 20.04.2024
Manzaneda presenta un Nadal con protagonismo musical

O concello de Manzaneda está a piques de comezar un programa de Nadal cheo de actividades para todas as idades. Cobran forza as actuacións musicais, pero os máis pequenos tamén terán protagonismo. Estas actividades darán comezo o vindeiro venres, 23 de decembro, coa actuación no centro de día do grupo local de acordeóns “Airiños da Porta Falsa”, ás 18:00 horas.

Así, para dar remate ao ano, o 27 de decembro, o Pandigueiro baixará das montañas ata o centro de día para visitar aos máis pequenos. Para acompañalo, tamén terá lugar a actuación de grupos tradicionais. Para completar as actuacións musicais, o coro “Voces de San Martiño” será o encargado de comezar coa programación do ano 2023. Terá lugar o 4 de xaneiro, tamén no centro de día ás 18:00 horas.

Inchables e visita dos Reis Magos 

Os nenos e nenas de Manzaneda son os máis importantes nestas datas. Por iso, do 2 ao 4 de xaneiro poderán desfrutar no pavillón de numerosos inchables. O horario será de 16:00 a 20:00 horas. Por outra banda, non podería faltar a Cabalgata de Reis. As súas maxestades sairán do colexio ás 18:30 horas para percorrer as rúas do pobo e visitar aos máis pequenos. Así, finalizarán o seu percorrido no centro de día cunha chocolatada.

Manzaneda presenta un Nadal con protagonismo musical