viernes. 19.04.2024
somoscomarca_manzaneda_serandeseitura_2022
Manzaneda define o 2022 como un “ano de récord”

“Un ano de récord”. Así é como definen dende o concello de Manzaneda este ano 2022 que está a piques de rematar. O seu alcalde, Amable Fernández destaca que “o principal é que parece que por fin se ve o fin da pandemia”, e recalca que “é unha alegría comezar a vida cotiá que tiñamos con anterioridade a estes anos”.

“A mellor noticia é volver facer actividades”

Este ano, co descenso ao longo dos meses dos casos de Covid-19, foi o inicio da volta á normalidade. “A mellor noticia do ano foi volver facer actividades, que a xente se volvera xuntar”, afirma o alcalde. A nivel cultural, as actividades neste 2022 comezaron cun Entroido condicionado polos contaxios, pero “o vindeiro ano en principio volverá ser como antes, incluída a comida popular”.

Martes de Entroido en Manzaneda 2022 (42)

Porén, no verán xa cambiou a situación, tal e como celebra Amable Fernández: “A acollida foi impresionante”. A finais de xullo celebrábase o Serán de Seitura, no que “se encheu a praza con máis de 200 persoas”. Así, a temperatura axudou a que “a xente nos acompañara no Certame Celtibérico de Gaitas, tiñan ganas de xuntarse e compartir mesa”, recoñece o alcalde de Manzaneda.

Festival Celtibérico de Manzaneda 2022 (27)
Festival Celtibérico de Manzaneda 2022 

Ademais, tamén tiveron lugar as festas patronais na honra da Virxe das Neves, xa con orquestras e programación similar a antes do 2020. Por outra banda, durante os tres meses de verán que durou o campamento infantil, “a cota sempre se encheu”, contando con unha trintena de nenos.

O mellor ano deste século no turismo

Do século XXI, 2022 foi o ano que máis turistas pasaron por Manzaneda, tanto por persoas que se achegaron por primeira vez, como por persoas que tiñan familiares en algunha das súas parroquias. Os hostaleiros afirman que foi un ano espectacular, tanto a nivel xantar como a nivel lecer. “Traballaron con dobre quenda, de luns a domingo, foi impresionante”, relata Amable Fernández.

somoscomarca_manzaneda_panoramicas_calles_iglesia_portadavila_ ruadaigrexa_2022(8)

Así, a piscina municipal tamén tivo unha afluencia de récord, aínda que nun primeiro momento houbera dificultade para atopar socorrista. “Está moi ben situada e ten unhas vistas espectaculares”, presume o seu alcalde.

Agradecemento ás administracións a nivel obras

A nivel de obras, Amable Fernández destaca que o concello de Manzaneda volve funcionar ao 100%. “Sería imposible facer os pequenos traballos que levamos a cabo sen as axudas que nos brindan as administracións”, agradece o rexedor.

Neste 2022 contaron cunha inversión de 320.000 euros en obras, dos cales o Concello aportou 40.000 euros. Esta contía destinouse a varios proxectos como o arranxo de estradas e a construción dunha pista deportiva no colexio, ademais do formigonado da entrada, a cal segundo o alcalde, “compón un total 1.600 metros cadrados”.

somoscomarca_pabellonpolideportivo_manzaneda_2022-11-15
Inauguración del nuevo pabellón multideportivo 

Así, no plano enerxético, puxéronse placas solares na nave do Concello “para aforro de electricidade”, e na residencia de maiores “para o quecemento da auga”. Amable Fernández tamén agradece a visita do programa da TVG “Galicia Bonita”, xa que co arranxo do forno de Rozavales, “botáronnos unha man e deron a coñecer a vila a través da televisión”.

Tranquilidade para o vindeiro 2023

“Para o vindeiro 2023 non pedimos nada especial, só tranquilidade”, afirma Fernández. Porén, os principais desexos do concello de Manzaneda son, por un lado “que remate definitivamente esta lacra de que tivo a tanta xente na casa para poder volver 100% á normalidade”.

Por outra banda tamén piden o remate da guerra entre Ucraína e Rusia, xa que afecta directamente. “Dende o concello creemos que axudar é un deber, xa que procedemos dun país que toda a vida buscamos o traballo fora, e para nós atender ás familias ucraínas é primordial”, explica o rexedor.

Amable Manzaneda
Amable Fernández, alcalde de Manzaneda

En canto ás eleccións de maio. Amable Fernández reflexiona que non está na súa man, xa que depende da xente. “Os veciños teñen que sopesar se fixemos cousas ou se nos esforzamos por facelas, xa que ás veces esfórzaste moito e hai cousas que non acaban saíndo”, conclúe.

Manzaneda define o 2022 como un “ano de récord”