Manzaneda convértese na capital mundial da gaita cun certame que leva catro décadas defendendo a música tradicional
Manzaneda volverá converterse esta fin de semana nun punto de encontro para a música tradicional e a cultura popular. O municipio acolle unha nova edición do Serán da Seitura, da Noite Celta e do XVII Concurso de Bandas de Gaitas Celtibéricas, un evento que, segundo o seu impulsor, José Luis Foxo, é moito máis ca unha competición musical.
«É un momento importante. Despois de corenta anos facendo este evento, que siga vivo e que continúe sendo un dos máis importantes de Europa no mundo das gaitas e das cornamusas é unha gran satisfacción», asegurou o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense durante unha entrevista en Radio Valdeorras-Onda Cero.
Foxo lembrou que o certame transcende o ámbito estritamente musical para converterse tamén nun espazo de recuperación da memoria colectiva. Esa filosofía reflíctese especialmente no IX Serán da Seitura, que este ano rende homenaxe á memoria de Ludivina Pérez Ricoi, considerada por el como «a mellor cantora da seitura» entre todas as que tivo oportunidade de escoitar ao longo dos anos.
O encontro comezará ás sete da tarde na Praza da Igualdade de Manzaneda e, ao remate, enlazará coa tradicional Noite Celta, que nesta edición se celebrará tamén no casco urbano, converténdose nunha prolongación natural da xornada dedicada aos cantos tradicionais.
«Salvar do esquecemento a memoria histórica»
Para José Luis Foxo, a razón de ser do Serán da Seitura resúmese nunha idea moi clara: «Salvar do esquecemento a memoria histórica, a memoria dos que nos precederon».
O director da Real Banda de Gaitas explicou que boa parte destes cantos quedaron recollidos no Cancioneiro da Seitura de Manzaneda-Terras de Trives, un traballo que considera esencial para preservar un patrimonio inmaterial que corre o risco de desaparecer.
«Queda pouca xente maior nos pobos que nos poida cantar ou transmitir estes vellos saberes», lamentou. Por iso defende a necesidade de organizar actividades coma esta no rural, onde «si que se necesitan».
A preocupación de Foxo vai máis alá da desaparición dos cantores tradicionais. «Non só desaparecen os cantores, tamén desaparece o mundo rural. Vas polos pobos durante a semana e case non atopas a quen preguntar», reflexionou. Un motivo máis para continuar elaborando cancioneiros e documentando unha cultura transmitida oralmente durante séculos.
Manzaneda, punto de encontro de gaitas de toda Europa
O domingo será a quenda do XVII Concurso de Bandas de Gaitas Celtibéricas, que reunirá en Cabeza de Manzaneda formacións chegadas de distintos puntos da Península.
Entre elas estarán a Real Banda Xuvenil da Deputación de Ourense, a banda asturiana Cabo Peñas, os Xeremiers de Mallorca, Talisker Band, chegada desde Madrid, ou a formación catalá Sons de la Cossetània, recentemente recibida polas autoridades políticas e eclesiásticas en Santiago de Compostela antes da súa participación no certame.
Precisamente unha das singularidades do concurso é a categoría dedicada ás gaitas mediterráneas, instrumentos propios de territorios como Cataluña, Baleares, o sur de Italia ou Aragón.
«É unha excepción moi importante dentro do certame», explicou Foxo, quen considera que permite achegar ao público instrumentos pouco coñecidos en Galicia e ampliar a visión sobre a diversidade da música tradicional europea.
Un certame que recupera forza
José Luis Foxo recoñeceu que o concurso atravesou etapas de maior e menor participación, pero considera que nos últimos anos está a recuperar impulso.
«Antes practicamente todos os centros galegos de Barcelona enviaban aquí as súas bandas. Houbo un descenso, pero agora volvemos coller forza», explicou.
Ese rexurdir, sinalou, tamén é posible grazas ao apoio institucional. O director destacou especialmente a colaboración da Xunta de Galicia, a través do director de Turismo, José Manuel Merelles, así como da Deputación de Ourense, que contribúen a sufragar os elevados custos dos desprazamentos das bandas procedentes doutros territorios.
Foxo tamén chamou a atención sobre as dificultades ás que se enfrontan hoxe este tipo de eventos. «Hai vinte anos trasladar unha banda desde Ferrol custaba 300 ou 400 euros; agora hai que falar de máis de mil», exemplificou.
«A auténtica Galicia é a Galicia rural»
Ao longo da entrevista, José Luis Foxo insistiu en que iniciativas como esta son fundamentais para manter viva a identidade dos pequenos concellos.
«O mundo rural necesita estas cousas. A administración ten que mirar polo mundo rural porque a auténtica Galicia é a Galicia rural», afirmou.
Por iso convidou a veciños e visitantes a achegarse tanto ao Serán da Seitura como ao Concurso de Bandas de Gaitas Celtibéricas.
«Cabeza de Manzaneda convértese estes días na capital mundial da gaita. Desde ese cumio o son parece espallarse por todo o territorio. É un espectáculo que paga a pena vivir e unha oportunidade única para descubrir formacións que dificilmente podemos ver noutras ocasións», concluíu.
Tu prueba Premium ha finalizado