viernes. 30.05.2025

O Concello de Manzaneda aproba o orzamento para 2025 con máis de 2,5 millóns de euros

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, fixo un balance dos principais proxectos que se levarán a cabo no 2025

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, detallou os principais proxectos previstos para o municipio no ano 2025. A maior parte da inversión destinarase á mellora da residencia de maiores, segundo explicou Fernández: «Hai unha que é a máis importante que é a inversión de 300 mil euros para cambiar toda a tubaxe tanto de auga e os baños. Unha vez rematada esperamos que os residentes e traballadores teñan unhas xornadas de traballo moito máis cómodas».

«Segundo se licite intentaremos pornos en contacto coa empresa para comezar a traballar. Vaise alongar un pouco porque ao estar os residentes alí, vai ser algo máis complicado, pero intentaremos que se faga coas menores molestias posibles», asegura o alcalde.

En canto ao financiamento, Fernández destacou a importancia das subvencións no funcionamento do Concello. «O noso Concello ao longo do ano o 80 % das cousas que fas son a través de subvencións», afirmou. Entre os apoios xa confirmados, mencionou o Plan CooperOU de 158.000 euros, dos que «100 mil xa van para pagar a débeda que arrastramos de débedas atrás».

Outros proxectos destacados inclúen un convenio coa Deputación de Ourense para mellorar camiños en zonas transitadas, así como unha obra dentro da Rede Natura 2000 en Langullo, que se realizará a principios de ano. «A obra consistirá en rematar a zona do lavadoiro e a do tanque para regar», explicou o alcalde. Tamén avanzou que a segunda anualidade do plan de estradas xa se iniciou, e que se está a traballar nunha nova solicitude de axuda á Xunta para a mellora das infraestruturas en San Martiño.

Por último, o alcalde destacou a importancia da cultura no municipio, destacando o Entroido como unha das festividades máis importantes do ano. «A verdade é que a parte cultural comeza co Entroido, que este ano non cae moi alto, a principios de febreiro a tocar. Espero que siga medrando porque é unha actividade que cada vez ten máis xente implicada».

Orzamento municipal 2025

Ademais destes proxectos, o Concello de Manzaneda aprobou de maneira definitiva o orzamento municipal para o exercicio 2025, tras non recibirse alegacións ao acordo inicial tomado en pleno o pasado 29 de novembro. O documento recolle un orzamento equilibrado de 2.578.464,86 euros tanto en ingresos como en gastos, que foi publicado para o xeral coñecemento da veciñanza.

No capítulo de ingresos, os principais recursos proceden de transferencias correntes, que alcanzan 1.258.598,05 euros, e de impostos directos, cunha recadación prevista de 621.458,07 euros. Outros conceptos relevantes inclúen taxas e outros ingresos por un total de 531.173,81 euros.

Pola banda dos gastos, o capítulo máis destacado corresponde a gastos de persoal, cunha partida de 1.427.000 euros, seguido de bens correntes e servizos, que ascenden a 678.800 euros. A previsión para investimentos reais é de 207.464,86 euros.

O Concello de Manzaneda aproba o orzamento para 2025 con máis de 2,5 millóns de euros