domingo. 19.05.2024
somoscomarca_psoe_estacion_manzaneda_2022-02-01
O PSOE solicita información sobre a ausencia de neve artificial en Manzaneda

O PSdeG-PSOE de Ourense reclamará "explicacións detalladas" ante as "escuras causas" que manteñen a estación de montaña de Manzaneda totalmente pechada, para a práctica do esquí e outros deportes de neve, a pesar de que as condicións meteorolóxicas do último mes foron "óptimas" para a posta en marcha, durante moitos días, do sistema de innivación artificial instalado e pagado con fondos públicos da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia. "Podería levar semanas aberta e funcionando e, sen embargo, alguén decidiu que non fose así", advirten os e as socialistas.

"A día de hoxe, Manzaneda é a única estación de todo o Estado que non abriu as súas instalacións para a práctica de deportes relacionados coa neve, a pesar de contar con este moderno sistema de innivación e coas condicións adecuadas para a súa posta en marcha", denuncian. "Cos datos publicados por Meteogalicia, rexistrados cada dez minutos no cumio da montaña, desde o 12 de xaneiro e ata o día 28 do mesmo mes, houbo moitas horas con temperaturas e humidades relativas moi baixas", que son os dous factores "nucleares" para poder innivar, salienta o deputado, Aurentino Alonso, quen aclara que "analizando polo miúdo estes datos, obtéñense moitas horas de posible produción artificial de neve".

A empresa á que lle outorgaron a xestión de Manzaneda –Artabria Turismo– afirma que esas condicións "en ningún caso" permitían producir neve artificial "coa suficiente garantía" nos canóns, unha complexa estrutura que custou 4,6 millóns de euros. Segundo explicaron no seu momento os accionistas principais (Xunta e Deputación), instaláronse 29 canóns que permiten "cubrir de neve as pistas principais" en "só 50 horas". Abarcan unha superficie de máis de 123.000 metros cadrados con tres capas de neve de, polo menos, 50 centímetros de espesor.

"Si isto é así, o sistema de innivación dificilmente poderá contribuír a paliar a falta de neve e nin sequera podería apoiar á estación nun momento de presenza de neve natural", lamenta Alonso antes de asegurar que "hai algo que non cuadra", porque a "temperatura de bulbo húmido" alcanzouse "con creces" chegando "a menos catro ou menos cinco graos" en moitas xornadas durante as últimas semanas.

"Queremos que algún experto nos aclare que está a suceder", insiste o deputado, que cuestiona o informe redactado pola empresa tras unha solicitude de información do grupo provincial socialista. "Os datos de Meteogalicia que a empresa desbota son moi detallados e están minutados", replica tras aseverar que "na parte alta da montaña poderían ter producido neve de sobra, para que os nenos e nenas que participan no programa Esquiou estean realmente nun programa de esquí e non noutras actividades que poden facer en calquera momento do ano".

O deputado provincial tamén cuestiona a escusa aludida sobre a necesidade de "pisar" a neve. "Evidentemente hai que pisar a neve artificial, pero tamén a neve natural" porque "sempre hai que traballala" para o seu correcto uso por parte dos deportistas e visitantes, matiza, polo que "iso non pode ser escusa ou motivo" para ter Manzaneda pechada para o esquí e o resto de deportes de inverno. Igualmente cuestiona que a balsas de aproveitamento que acumulan auga para este sistema de innivación artificial estean ao 97 % da súa capacidade, como se afirma no informe da empresa.

O PSOE solicita información sobre a ausencia de neve artificial en Manzaneda