Xuventude, experiencia e emigración: eixes do Partido Popular de Luis Menor
O candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, avogou onte mércores por un partido que fuxa das inercias e aposte pola anticipación para «dar resposta ás necesidades e demandas da cidadanía, coas ideas da mocidade e as achegas da experiencia».
Foi nun acto celebrado na Pobra de Trives, e que contou coa presenza da militancia e cargos locais das comarcas de Viana e Terras de Caldelas. Nesa cita, Menor destacou tres das propostas que inclúe no seu programa para liderar «unha nova etapa» no PP ourensán.
En primeiro lugar centrouse na mocidade, afirmando que «non hai partido político que poda aspirar ao mañá se non ten en conta á xuventude. O Partido Popular ten unha das organizacións políticas xuvenís máis fortes, Novas Xeracións, que de continuo demanda ter máis voz no proxecto popular e ten capacidade para achegar unha visión actual».
Refería ademais á experiencia en política das persoas que conforman o partido, formulando a creación dun Consello de Veteranos «que reúna aos cargos con máis traxectoria política, tanto os que estean en activo como os xa retirados, recollendo toda esa bagaxe de experiencias e tomala en consideración».
Nesta apertura do partido á sociedade, o candidato amosouse partidario de poñer en marcha unha área de traballo sobre emigración. Afirmaba así que «Ourense hai tempo que deixou de ser unha terra de emigrantes, para pasar a ser unha provincia de acollida, e debemos responder coa máxima axilidade a aquelas persoas que se acheguen a nós atraídas polo noso proxecto político».