sábado. 07.06.2025

"Festa Mutante" o 8 de xullo en Manzaneda

Na xornada celebrarase a actividade "Bailar o Patrimonio", unha romaría e foliada ao Castiñeiro de Pumbariños, e remata o 22 deste mesmo mes cun gran evento final en Manzaneda.
"Festa Mutante" o 8 de xullo en Manzaneda

A cooperativa Outonía presenta a última Peza do “Laboratorio Mutante (LM)”: As Festas Mutantes, unha programación cultural que mestura patrimonio e artes no Macizo Central durante o mes de xullo.

A cuarta das Pezas, As Festas Mutantes, desenvólvense durante o mes de Xullo nos Concellos de Manzaneda e de O Bolo. Unha programación cultural con música ao vivo, teatro, narración oral, obradoiros de danza, foliadas e romarías.

Unha proposta que comeza o 8 de Xullo con Bailar o Patrimonio, unha romaría e foliada ao Castiñeiro de Pumbariños, e remata o 22 deste mesmo mes cun gran evento final en Manzaneda.

Este último ten a súa primeira parte no Pazo da Pena (Rozavales), nunha presentación baixo convite para compartir os resultados do proxecto (curtas documentais, fanzine, muralismo,etc) e para crear un punto de encontro entre as participantes das diferentes Pezas da iniciativa. A xornada de tarde-noite, con o punto final ao desenvolvemento do LM, con música ao vivo espallada por diferentes puntos da Vila de Manzaneda. Todo un convite a desfrutar do patrimonio local.

O nexo conductor do LM é crear unha proposta cultural que anime á participación comunitaria e ao desfrute de lugares emblemáticos e ao tempo descoñecidos das comarcas próximas.

A cooperativa Outonía S.Coop.Galega, impulsora do programa, foi beneficiaria das Axudas para a Diversificación das Actividades Culturais en Entornos non Urbanos da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), promovida polo Goberno de España dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os Fondos Next Generation.

"Festa Mutante" o 8 de xullo en Manzaneda