
O vindeiro luns, 5 de decembro Trives achegarase a Cuba a través de fotografías, música e sabores da illa caribeña, no auditorio Xulio Vázquez. A entrada será de balde.
A partir das 18.00 horas actuación do grupo «A dos Trovando», «un espectáculo de enorme calidade musical e histórica», para continuar coa degustación de combinados cubanos. A tarde noite poderase alongar polos establecementos hostaleiros da Pobra de Trives nos que tamén haberá sabor cubano nas tapas e nas bebidas.
«Unha viaxe no tempo a Santiago de Cuba de finais do século XIX centrada no amor polos boleros e a troba tradicional cubana que dará comezo no Auditorio Xulio Vázquez co grupo “A dos Trovando» e que continuará por todos os locais hostaleiros da vila», sinalan desde o Concello de Trives.

Desde a hostalaría trivesa «amenizarán esta noite cubana con música, cocktails cubanos ou sorprendentes tapas gastronómicas que nos levarán a vivir unha experiencia inesquecible».
Un percorrido pola historia da man de «A dos Trovando e o seu representante, íntimo colega do gran Compay Segundo, que tras unha primeira inmersión levarannos ao o século XX, seguiremos aos trobadores na emigración cara a Habana cantando a dúas voces, prima e segunda, as obras máis emblemáticas a partir da década do 20, cando aparece o ‘Son Cubano’», explican.

«Desfrutaremos dunha proxección de fotografías da época que situarán á audiencia en cada momento da historia», continúan. «Un espectáculo cheo de arte e emoción. Unha agradable sorpresa descubrir a beleza e riqueza musical e poética de estas cancións inmortais», puntualizan.
«Un auténtico luxo que nos achega a unha música arranxada e gravada expresamente para este proxecto nada menos que por compoñentes do Septeto Nacional Ignacio Piñeiro, nos estudios EGREM da Habana, Cuba», explican..
O acto comeza ás seis da tarde no auditorio con degustación de combinados cubanos e un espectáculo musical e histórica. A noite cubana poderá alongarse o que cada quen queira en cada bar, restaurante ou taparía de Trives.
Son quince os bares e establecementos hostaleiros participantes: A Viuda, As Maceiras, Cantina do Catro, O Lar de Alicia, Boliche, Quintela, Sky, A Masía, Paíño, Agenor, Bodegón, O Cafeto, Manolo's, Vigo Madrir e San Martín.
