
A auga non dá tregua este verán na comarca. En Trives, os veciños levan algo máis dunha semana sen poder consumir auga da traída polos niveis elevados de arsénico descubertos nunha analítica rutinaria. O alcalde Francisco Fernández asegurou hoxe nos micrófonos de Onda Cero que a alerta sanitaria está a piques de estar resolta: «Eu como alcalde sinto moito esta situación pero estamos cumprindo rigurosamente a lexislación e temos que pedirlle ós veciños un pouco de paciencia, creo que o luns a auga xa estará declarada apta para o consumo».
Esta explicación non convence a Jorge Vázquez, concelleiro de Son de Trives, quen nun comunicado, recrimínalle ó grupo de goberno que tivera unha actitude de «pasotismo e inmobilismo» e que dende o bando do pasado 13 de setembro —no que se advertía de que o auga non era potable— os veciños non recibiran máis información nin alternativas de suministro. O alcalde explicou que barallaron a posibilidade de empregar camións cisterna pero que nese caso «os veciños e os locais de hostelería deberían de ter depósitos adecuados para acumular esa auga, o cal non era o caso, así que a situación resolveuse de forma provisional».
A crise da auga, día a día
O rexidor explicou como segue, a secuencia de feitos relacionados con esta alerta sanitaria. O pasado 8 de setembro, nunha analítica rutinaria, o Concello descubriu que a auga tiña uns parámetros de ársenico máis elevados dos permitidos. Tras confirmar o resultado con outra proba, comunicouselle ese mesmo día á Dirección Xeral de Sanidade, que respostou o día 13 de setembro por fax indicando que se restrinxise o uso da auga. O Concello publicou un bando ese mesmo día advertindo que non era apta para o consumo. Ó día seguinte, o 14 de setembro, tomáronse novas mostras nos manantiais de Cabeza de Manzaneda e o encoro de Guístolas, e os resultados xa amosaban parámetros dentro do recomendado. O que faltaba era ter unha analítica do depósito do abastecemento, a cal fíxose o mércores 20, seguindo as pautas que marcan os tempos biolóxicos e técnicos. Neste momento estanse agardando por eses resultados para levantar definitivamente a alerta, o cal dende o Concello agardan que suceda o próximo luns.