lunes. 09.06.2025

A Proba de Trives como centro neurálxico do comercio da comarca

San Xoán de Río percibirá axudas para a modernización e fomento da actividade comercial en zonas rurais, mellorando a competitividade, sostibilidade e diversificación da súa economía
A Proba de Trives como centro neurálxico de comercio da comarca

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou esta mañá A Proba de Trives, onde destacou que o Goberno destina 843.616 euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a tres proxectos na provincia de Ourense para o fomento e a modernización do comercio en zonas turísticas e en zonas rurais.

O delegado visitou —xunto coa alcaldesa, Patricia Domínguez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González— a zona comercial na que se desenvolverá a iniciativa e sinalou que a mesma “permitirá posicionar a vila como o centro neurálxico de comercio da comarca, con comerciantes cualificados e nunha contorna sostible que convide a decantarse polo comercio local, ofrecendo todas as facilidades de compra de forma presencial e online”.

O proxecto para a rexeneración do comercio recibirá 368.974 euros, enmarcados na liña de axudas a zonas de afluencia turística. Estes fondos forman parte das liñas de axudas para impulsar a competitividade do sector comercial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que contemplan unha dotación de 4,17 millóns de euros para 9 proxectos en Galicia.

Outros proxectos na provincia 

Na provincia de Ourense, outras dúas iniciativas son beneficiarias da liña de axudas a mercados rurais sostibles. Trátase das presentadas pola Deputación de Ourense e polo concello de San Xoán de Río, que percibirán entre ambas axudas por valor de 474.642 euros para a modernización e fomento da actividade comercial en zonas rurais, mellorando a competitividade, sostibilidade e diversificación da súa economía.

O delegado do Goberno salientou que con estas axudas do Plan de Recuperación, “o Goberno realiza unha inxección económica clave para a recuperación do sector comercial, composto especialmente por pemes e autónomos, potenciando a súa transformación dixital e sostible. Pero tamén busca reforzar o tecido comercial nas pequenas e medianas poboacións e nas zonas turísticas”.

Por iso, animou aos concellos e as deputacións a aproveitar a oportunidade que ofrecen os fondos do Plan de Recuperación para potenciar e transformar a rede comercial, cunha dotación total de 415 millóns de euros para os próximos tres anos. “É preciso apostar polo impulso do comercio de proximidade, que é o motor económico e social das nosas vilas, para non quedar desbancado e desconectado dos novos hábitos de consumo”, subliñou o delegado do Goberno.

A Proba de Trives como centro neurálxico do comercio da comarca