A Unidade de Atención Temperá en Quiroga atende a máis de medio cento de nenos

A Unidade de Atención Temperá en Quiroga atende a máis de medio cento de nenos
O que comezou sendo un centro para a atención dos nenos dos concellos da comarca de Quiroga é xa un referente na zona sur da provincia de Lugo

A Unidade de Atención Temperá en Quiroga atende a máis de medio centro de nenos e nenas da práctica totalidade dos concellos que integran este servizo. O que comezou sendo un centro para a atención dos nenos dos concellos da comarca de Quiroga é xa un referente na zona sur da provincia de Lugo.

Ademais creouse unha delegación no concello do Saviñao, para facilitar a atención dos menores reducindo o desprazamento dos usuarios desta zona. Segundo a concelleira de servizos sociais do Concello de Quiroga, Loli Sánchez, con esta delegación incrementouse o número de nenos atendidos na zona occidental do distrito comarcal de Monforte.

Na Unidade de Atención Temperá, que serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade, contase con dous psicólogos, dous logopedas, un fisioterapeuta e un terapeuta ocupacional especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A atención neste servizo, —ao que poden acudir os nenos sen que teñan problemas definidos, se non para axudarlles a un desenvolvemento evolutivo adecuado—,  é principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden poñerse directamente en contacto con este servizo para que os informen de cal é o proceso a seguir.

En pouco máis dun ano, dende a súa posta en marcha en setembro do 2020, non só se triplicou o número de concellos que se adheriron a este servizo se non que conta cunhas novas instalacións e duplicou o seu cadro de persoal. Tamén se incrementaron considerablemente as achegas da Xunta de Galicia para este servizo que no 2021 foron de máis de 100.000 €.