jueves. 28.08.2025

Quiroga pon en marcha os obradoiros «Tecendo memorias» para recuperar a cultura popular

Preténdese mellorar tamén as habilidades cognitivas das persoas participantes, ao tempo que se promove a socialización e a activación veciñal mediante a posta en valor das historias de vida e a cultura popular do municipio
Quiroga pon en marcha os obradoiros «Tecendo memorias» para recuperar a cultura popular

O Concello de Quiroga, en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, vén de anunciar a posta en marcha do programa «Tecendo memorias», un proxecto que busca recuperar a memoria comunitaria e cultural a través da socialización e do intercambio de experiencias entre veciños e veciñas.

A iniciativa, organizada pola área de Cultura da Deputación e a concellería de Servizos Sociais, converterase nun espazo de encontro para persoas do rural co obxectivo de preservar a identidade local e estimular a memoria colectiva mediante lembranzas de xogos, costumes, ditos, cancións, refráns e música popular.

Os talleres desenvolveranse de setembro a novembro en tres localizacións: o Centro Social de Quiroga, o da Ermida e o de Campos de Vila.
    •    Quiroga: todos os luns, de 18:00 a 20:00 horas. A presentación terá lugar o 1 de setembro, e as clases darán comezo o luns 8.
    •    Ermida: os mércores, de 18:00 a 20:00 horas. A presentación e inscricións realizaranse o 3 de setembro, co inicio das sesións o día 10.
    •    Campos de Vila: os xoves, de 18:00 a 20:00 horas. A presentación celebrarase o 4 de setembro e as clases arrincarán o día 11.

Con estes obradoiros preténdese mellorar tamén as habilidades cognitivas das persoas participantes, ao tempo que se promove a socialización e a activación veciñal mediante a posta en valor das historias de vida e a cultura popular do municipio.

Quiroga pon en marcha os obradoiros «Tecendo memorias» para recuperar a cultura popular