A igrexa do Hospital culmina vinteun anos de recuperación cunha monumental sarga no seu baptisterio
A igrexa do Salvador do Hospital, en San Xoán do Hospital, Quiroga, viviu o pasado 17 de agosto unha desas xornadas que unen patrimonio, historia e sentimento veciñal. O templo acolleu a bendición dunha monumental sarga realizada expresamente para o baptisterio, unha obra do artista malagueño Francisco Naranjo Beltrán que representa o Bautismo de Xesús e que pon o broche a máis de dúas décadas de recuperación da igrexa e dos bens que conserva no seu interior.
O acto reuniu a veciños, autoridades e representantes do ámbito cultural. O padriño da nova obra foi o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes Carballada, mentres que a cerimonia relixiosa estivo oficiada polo vicario de Pastoral, Luis Manuel Rodríguez Pérez.
Pero detrás da incorporación desta nova peza hai moito máis que unha intervención artística. A sarga representa tamén o final dun camiño iniciado hai 21 anos, no que o apoio das administracións foi dando paso á implicación directa dos veciños para devolver progresivamente o seu esplendor a un templo cunha longa historia ás súas costas.
Unha obra creada para o baptisterio
A nova sarga foi concibida por Francisco Naranjo especificamente para o espazo que agora ocupa e para acompañar e dignificar a pía bautismal.
O artista recorreu a unha técnica de longa tradición histórica: a pintura ao temple sobre tecido de liño ou cáñamo, recuperando un procedemento artístico que tivo unha especial presenza entre a Idade Media e o Renacemento.
Naranjo recrea nesta ocasión o Bautismo de Xesús no río Xordán, cunha composición adaptada ás características arquitectónicas, á iluminación e á sobriedade do baptisterio.
O creador mantén, ademais, unha relación previa coa arte sacra da comarca de Quiroga. En 2024 foi o responsable do deseño da presea realizada para a coroación canónica da Virxe dos Remedios da Ermida, e diferentes traballos seus vinculados á imaxinería relixiosa da zona tiveron tamén proxección filatélica e numismática.
Unha restauración que comezou en 2005
A bendición da sarga permite tamén mirar atrás y comprender a dimensión do proceso de recuperación levado a cabo no Hospital. A primeira gran etapa desenvolveuse entre 2005 e 2010 e centrouse fundamentalmente na conservación arquitectónica e na consolidación estrutural do edificio.
O traballo realizouse coa implicación do Concello de Quiroga, a Xunta de Galicia e o Bispado de Lugo. A administración autonómica destinou 70.000 euros en 2005 e outros 92.000 en 2010, un total de 162.000 euros dirixidos fundamentalmente a frear o deterioro das cubertas e dos paramentos.
A partir de aí comezou unha segunda etapa, moito máis centrada no patrimonio conservado no interior. E é aquí onde adquiriu especial protagonismo a propia comunidade.
Preto de 50.000 euros achegados polos veciños
Ante a limitación dos fondos públicos para continuar as intervencións, a parroquia e os veciños asumiron boa parte do esforzo para seguir recuperando o patrimonio do Hospital.
As doazóns realizadas ao longo destes anos sumaron preto de 50.000 euros, cos que se puido actuar paulatinamente sobre diferentes elementos do templo.
Ese esforzo permitiu recuperar os tres retablos barrocos, as imaxes procesionais e diferentes pezas de orfebrería. O último paso foi precisamente a realización da nova sarga que desde agora preside o baptisterio.
Deste xeito, a obra bendicida o 17 de agosto non chega ao templo como un elemento illado. Convértese simbolicamente no punto final dun proceso de máis de vinte anos no que institucións, parroquia e veciñanza contribuíron a conservar un patrimonio que forma parte da historia colectiva do Hospital.
Un 17 de agosto elixido pola historia
Tampouco fue casual a data escollida para a cerimonia. O 17 de agosto permite establecer unha ponte entre o presente da igrexa e o seu pasado vinculado á Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén.
A xornada quixo lembrar o sitio de Rodas de 1480, no que os cabaleiros hospitalarios lograron resistir o ataque das tropas otomás. O episodio ten unha conexión directa con Quiroga a través de Frei Rodrigo de Quiroga, comendador de Quiroga e do Incio, que participou naquela defensa e cuxos restos repousan precisamente nesta igrexa.
O 17 de agosto de 1480, despois de meses de asedio, os hospitalarios encabezados polo gran mestre Pierre d'Aubusson conseguiron finalmente rexeitar o ataque otomán e obrigar á retirada das tropas do sultán Mehmet II.
Máis de cinco séculos despois, esa mesma data serviu para lembrar no Hospital unha parte da historia que permanece ligada aos propios muros do templo.
Un patrimonio que mira cara ao futuro
A igrexa do Hospital ten as súas orixes no século XII e está historicamente vinculada á Orde de San Xoán de Xerusalén, posteriormente coñecida como Orde de Malta. A presenza hospitalaria neste territorio relacionouse tamén coa atención aos peregrinos que transitaban pola zona.
A súa base románica e as posteriores intervencións realizadas ao longo dos séculos, especialmente durante o Barroco, deixaron un conxunto no que arquitectura, retablos, imaxinería e memoria histórica se superpoñen.
Agora, a incorporación dunha obra contemporánea realizada mediante unha técnica de raíces centenarias engade un novo capítulo.
Porque a bendición da sarga non só pecha 21 anos de restauración. Supón tamén abrir unha nova etapa para San Xoán do Hospital, cun patrimonio recuperado grazas en boa medida á implicación dos seus propios veciños y con un potencial cultural e turístico que permite seguir dando a coñecer un dos enclaves históricos singulares de Quiroga.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado