
O 23 de decembro pola mañá, desde a área de Educación, Infancia e Igualdade, poñíase en marcha o programa Concilia Quiroga, dirixido a apoiar as familias de Quiroga na atención dos seus fillos e fillas durante as festas de Nadal. Este programa, que conta con 40 prazas para nenos e nenas de 3 a 10 anos, estará baixo o coidado de catro monitores cualificados e a supervisión do Centro de Información á Muller.
Os obradoiros, que se desenvolverán ata o 4 de xaneiro, terán unha temática de nadal e ofrecerán diversas actividades para os pequenos. O primeiro obradoiro, que tivo lugar este luns e levou o nome “Xogamos co Apalpador”.

Xa pola tarde, entre as 17:00 e as 18:30 h, os cativos puideron gozar dun delicioso chocolate antes de recibir a visita de Papá Noel na rúa Campo da Feira. Esta rúa, adornada polas persoas veciñas, semellaba unha verdadeira postal de Nadal, e foi o escenario para que Papá Noel chegase dende Laponia a recibir as cartas e peticións dos pequenos.
O programa continúa co obradoiro de decoración de Nadal, que terá lugar o 26 de decembro e o 2 de xaneiro entre as 11:00 e as 13:30. O 27 de decembro, tamén en horario de mañá, celebrarase un obradoiro centrado nos experimentos de Nadal. O 30 de decembro, a actividade será sobre os instrumentos musicais destas festas, e o 3 de xaneiro desenvolverase o obradoiro “Preparándonos para os Reis Magos”, no mesmo horario.
Os obradoiros finalizarán os días 3 e 4 de xaneiro cunha gran festa de Nadal con inchables no pavillón municipal, que se celebrará entre as 16:00 e as 20:00 h.