
O Concello de Rubiá leva organizando desde antes do verán unhas rutas denominadas «Coñece o teu entorno». Son para facer camiñando e pretenden que os participantes descubran os lugares históricos, de riqueza paisaxística ou simplemente desfruten do entorno natural que posúe o seu territorio.
O «Coñece o teu entorno» que se realizaba na mañá deste 6 de novembro levou aos camiñantes desde Vilar de Silva ata Pardollán, visitando a Ermida de Santo Estevo e as Minas de Pintura de Pardollán.

«Tamén se parou nos miradores da zona e rematouse en Vilar de Silva no mirador de A Portela onde repuxeron forzas cun picnic que se repartiu a cada participante unha bolsiña cun bocata de xamón, un plátano, unha botella de auga e un biscoito de chocolate», sinalan desde a organización.

Desde os miradoiros pódese contemplar o val do Sil que separa o León de galicia, co encoro de Peñarrubia aos pés, así como os montes do Bierzo e unha paisaxe de estrema beleza.

Santo Estevo de Pardollán
A igrexa románica Santo Estevo de Pardollán está a uns 150 metros por riba desta aldea situada dentro do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Está completamente abandoada desde a segunda metade do século XX . A ermita construíuse neste lugar máxico no século XII e pode que formase parte dun mosteiro, aínda que deste non quedan restos.

De planta basilical dunha sóa nave con ábside cuadrangular, ten dúas entradas. A principal na que destacan os arcos de medio punto, a pedra vermella da zona e as dovelas. A que da ao sur conserva a figuras de bovinos.
Detrás da igrexa consérvanse os restos dun muíño que posúe unha gran balsa circular para almacenar a auga.

Minas de pintura de Pardollán
Son depósitos limoníticos de gran continuidade e extensión. Van de Pardollán ata case desaparecer xunto ao lago de Carucedo. Explotáronse para a obtención de limonita (ocre) na súa variedade terrosa, para a fabricación de pinturas.

Este xacemento foi explotado industrialmente desde mediados do século pasado ata os anos setenta. Aínda se pode contemplar os restos do muíño que se usaba para desfacer o material e limpalo e a tolva onde cargaban os camións que transportaban este mineral ao depósito en Quereño para despois envialo por tren cara aos seus destinos, xeralmente fábricas de pintura.
