jueves. 28.03.2024

O Concello de Rubiá porá en marcha no novo ano un proxecto de recuperación dun edificio de seis vivendas coa intención de ofrecelas en réxime de aluguer a familias que queiran vivir no pobo. Así o explica o alcalde, Elías Rodríguez, e detalla que “no 2018 iniciaremos a primeira fase por valor dun pouco máis da metade do orzamento completo”.  Refírese o primeiro edil aos 230.000 euros concedidos pola Xunta “que invertiremos neste ano que entra” e que sumaranse ao resto, hasta os 400.000 euros do total do orzamento, que se prevé invertir nos vindeiros anos para completar a obra.

Preocupado pola tendencia á baixa da poboación, o aluguer que Elías Rodríguez ten en mente “debe ser barato para favorecer que a xente se achegue a Rubiá e queira quedarse, especialmente pensamos en familias con nenos, sería o ideal”. Segundo conta, esta obra era un obxectivo polo que o Concello apostou fai un tempo e que “por fin poderemos facelo realidade no 2018”. Segundo os seus cálculos, será concretamente a mediados de ano cando comecen as obras.

Calificado polo alcalde coma o proxecto “máis destacado, ainda que non sexa a obra máis elevada en cuantía económica”, o proxecto de recuperación da Vía Nova ao seu paso polo Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra continuará a súa andadura no 2018. No ano que remata, “sacouse á luz  un tramo de dous kilómetros da calzada romana”, actuación que espera continúe repetíndose noutros tramos no novo ano.

No apartado de infraestructuras básicas do pobo, apunta o alcalde como obra máis importante, o acondicionamento da carreteira que une as poboacións de Pardollán e Quereño. “Imos a suprimir dúas curvas á saída do pobo de Pardollán porque son moi estreitas e perigosas”, explica, e apunta coma data probable da acometida, o mes de febreiro ou marzo. Esta carreteira, característica pola situación na que se atopa, presenta terreos en pendente pronunciada hacia o Cañón do Sil, razón pola que debe mellorarse a seguridade.

Tamén se arranxarán viais no núcleo do pobo de Porto e mellorarase o tendido eléctrico de Rubiá, ademáis do cambio dunha serie de farolas.

Coa finalidade de aportar financiación aos proxectos que virán no 2018, o equipo de goberno do Concello de Rubiá aprobará no próximo mes de abril, un orzamento “algo máis elevado que o do ano pasado”, de arredor do 1.100.000 de euros.

Rubiá comezará a rehabilitación de vivendas para aluguer no 2018