Oule-Go!, o festival que nace para devolver a música e a ilusión a Oulego tras os incendios
A primeira edición celebrarase os días 31 de xullo e 1 de agosto cunha proposta que une concertos, gastronomía, mercadiño, acampada e artistas de Valdeorras e O Bierzo nunha contorna privilexiada
Hai festivais que nacen arredor dun cartel. Outros fano arredor dun lugar. Oule-Go! nace, sobre todo, dun sentimento. A pequena localidade de Oulego, no concello de Rubiá, acollerá esta fin de semana a primeira edición dun festival que busca moito máis que ofrecer música en directo. A intención dos seus organizadores é converter unha paisaxe marcada polos incendios do pasado ano nun espazo para o reencontro, a convivencia e a celebración.
«Sempre tiven a inquietude de facer un festival no meu pobo», explica Roberto Fernández, músico e un dos impulsores da iniciativa. A idea, conta, tomou forma despois dos incendios que afectaron á contorna. «Parecíame un bo momento para devolverlle ao pobo unha nota de festividade e felicidade despois de todo o que vivimos».
Ese espírito é o que marcará dous días nos que a música compartirá protagonismo coa gastronomía, un mercadiño, zona de acampada e un ambiente pensado para que veciños e visitantes desfruten con tranquilidade dun dos recunchos máis singulares da comarca.
Un festival con identidade propia
Desde o primeiro momento, a organización tivo claro que Oule-Go! debía ter personalidade propia. Sen renunciar a medrar nas vindeiras edicións, a aposta inicial céntrase nos artistas de proximidade e na conexión natural entre Valdeorras e O Bierzo.
«Queremos seguir apostando polo talento cercano. Somos un pobo limítrofe e tamén hai que convivir cos veciños», explica Fernández.
A iniciativa conta co respaldo do Concello de Rubiá e coa colaboración de numerosos comercios e empresas da comarca, un apoio que os organizadores agradecen especialmente por tratarse dunha primeira edición.
Rock, metal, blues e moita personalidade
O cartel combina bandas emerxentes con nomes xa consolidados na escena musical. Abrirán o festival os mozos de kZAngels, unha banda formada por músicos de apenas 14 e 15 anos que interpretarán grandes clásicos do rock e do heavy metal. O propio Robert Fernández subirá tamén ao escenario coa súa banda The Black Wings, nun concerto especial acompañado por músicos moi novos da comarca.
Desde Ponferrada chegarán Rosa Caimán, cun repertorio no que mesturan temas propios e versións influenciadas polo blues, o rock, o funk e o country, mentres que os valdeorreses Fendetestas achegarán o seu particular rock irreverente, cargado de humor, crítica social e referencias á comarca.
A música completarase coas sesións en vinilo de DJ Repugnante, habitual tamén do Barbudos Fest, e cun dos momentos máis agardados da fin de semana: a sesión vermú acústica de Sr. Jingles, que actuará en formato íntimo o sábado ao mediodía.
Máis que concertos
A organización quere que quen se achegue a Oulego atope moito máis que un escenario. Durante a fin de semana haberá mercadiño, food trucks, zona de acampada e espazos para compartir nun ambiente familiar e respectuoso coa contorna.
«O único obxectivo é que a xente o pase ben», resume Marcos Martínez, outro dos membros da organización. Iso si, fai tamén un chamamento ao respecto polo medio natural e recomenda compartir vehículo, xa que o aparcamento será limitado.
Os concertos celebraranse no campo de fútbol de Oulego, coa paisaxe dos penedos como pano de fondo, unha das imaxes que os organizadores confían en converter nun dos sinais de identidade do festival.
Programación
A programación arrancará o venres 31 de xullo coa apertura musical a cargo de kZAngels, seguida das actuacións de Rosa Caimán, Fendetestas e The Black Wings, mentres DJ Repugnante animará toda a tarde e a noite coas súas sesións en vinilo.
O sábado 1 de agosto o protagonismo trasladarase á sesión vermú acústica de Sr. Jingles, acompañada de mercadiño, gastronomía e actividades para continuar gozando dun festival que aspira a consolidarse no calendario cultural da comarca desde a súa primeira edición.
Tu prueba Premium ha finalizado