O Mercadiño de Nadal pecha cun bo balance e Rubiá xa se prepara para a Festa da Matanza

somoscomarca_20251130_rubia_mercad
Clausurado este domingo, o evento deixa satisfacción entre expositores e público. A concelleira de Cultura, Laura Iglesias, anuncia melloras para a próxima edición e adianta os detalles da Festa da Matanza do 7 de decembro, que duplicou a venda de entradas

Rubiá clausurou este domingo o seu Mercadiño de Nadal, que un ano máis marcou o inicio das festas no municipio cunha edición chea de ambiente, variedade e boa acollida. A xornada de apertura celebrouse o sábado 29 de novembro, ás 16.00 horas, cun total de 24 postos de produtores, artesáns, comercio local e entidades sociais, que encheron o espazo expositivo de cor e actividade.

Como vén sendo habitual, a variedade foi un dos principais reclamos: mel, licores, queixos, doces, cosmética natural, artesanía en madeira, cestería, decoración de Nadal, libros e produtos de establecementos locais como Librería Teresita ou Trastos. Tamén participou un ano máis a asociación Asfaval, achegando ao público o seu traballo.

A pesar do mal tempo do sábado, o fluxo de visitantes foi constante. “Onte houbo un día moi malo, pero aínda así houbo xente. Creo que os postos marchan contentos”, explicaba este domingo a concelleira de Cultura, Laura Iglesias, en declaracións a este medio. Xa na tarde de hoxe, o peche do mercado desenvolveuse cunha grande afluencia: “Hoxe pola tarde houbo bastante xente. Como todos os anos, creo que nos saíu ben”.

O reto para 2025: ampliar espazos

Iglesias tamén recoñeceu que a organización terá que revisar a capacidade do recinto:
Quedaron 8 postos fora e parece inxusto; hai que darlle unha volta e ampliar a carpa. Xa estamos pensando niso", avanzou.

O Concello mantivo tamén unha tradición moi valorada polos participantes: un pequeno agasallo para cada posto. “Somos case os únicos que o facemos. Moita xente v´en de fora e é unha maneira de agradecer o seu esforzo”, explicou. Ademais, realizouse o habitual sorteo de tres cestas elaboradas cos produtos doados polos expositores, un dos momentos máis esperados polos asistentes.

Rubiá enfila agora a gran cita: a Festa da Matanza, o 7 de decembro

Co Mercadiño xa clausurado, o Concello centra agora os esforzos na Festa da Matanza, que se celebrará o domingo 7 de decembro e que este ano superou todas as expectativas.

Vendemos mái entradas das que pensabamos… van 450 xa, e entre hoxe e mañá son os últimos días para mercar”, confirmou Iglesias, lembrando que é necesario pechar o número exacto para organizar a comida: “Hai que facer os cálculos de toda a comida, porque hai que poñer un asador”.

A comida será no pavillón ás 14.00 horas, co tradicional menú das antigas matanzas, incluíndo pratos típicos como a fanza. A festa prolongarase toda a tarde:

  • Ás 19.00 horas, actuación do grupo da comarca Tentempié, na mesma carpa do mercadiño.

  • Ao rematar, DJ ata as 2 da mañá para continuar a festa.

A concelleira subliñou a excelente resposta do público:
“O ano pasado foron 259 entradas; este ano case duplicamos. Estamos contentísimos coa acollida dunha festa que nunca se fixera por aquí deste xeito”.