Manuel Pardo: «O esencial é paliar os danos dos incendios e garantir a seguridade da veciñanza»

O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou os concellos de Rubiá e Vilamartín para supervisar a reconstrución, as medidas de prevención e o apoio ás familias, onde en Valdeorras suman xa 34 axudas aprobadas a propietarios de vivendas

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse este sábado aos concellos de Rubiá e Vilamartín de Valdeorras para avaliar xunto aos alcaldes o estado das infraestruturas danadas polos incendios do verán e revisar as actuacións que a administración autonómica está a desenvolver para recuperar a zona. Durante a visita, Pardo insistiu en que o obxectivo prioritario continúa sendo «protexer ás persoas e minimizar o impacto dos lumes nas propiedades e nos servizos municipais».

Visita a Rubiá

Xunto ao alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez o delegado explicou que a Xunta activou unha serie de medidas de reconstrución e apoio económico destinadas a paliar os efectos máis inmediatos dos incendios. Entre elas, destacou a asignación de máis de 192.000 euros ao Concello de Rubiá, dentro dun convenio de 5 millóns para reparación de instalacións municipais e gastos derivados das tarefas de extinción.

Pardo lembrou que, durante os lumes, se puxeron en marcha actuacións urxentes para atender o gando e a fauna salvaxe, incluíndo o reparto de 1,5 millóns de quilos de herba seca e cereais en áreas afectadas.

Ignacio Doce, Manuel Pardo e Elías Rodríguez na pcaptación de Rubiá

Tamén salientou o labor dos 500 voluntarios coordinados pola Consellería de Medio Ambiente e a Dirección Xeral de Xuventude, que continúan traballando na restauración ambiental da comarca.

Nas últimas semanas houbo, segundo o delegado, intervencións en doce concellos da provincia, realizando un total de 22 accións de voluntariado para paliar os efectos hidrolóxicos, de erosión e de alimentación da fauna silvestre afectada polos incendios.

Subliñou que a Xunta asinou convenios cos concellos da comarca por importe de máis de 1,6 millóns de euros para reparar bens municipais e cubrir os gastos derivados das actuacións de emerxencia. Os municipios beneficiarios son: O Barco de Valdeorras (120.500€), O Bolo (231.166€), Carballeda de Valdeorras (47.066€), Larouco (232.565€), Petín (13.637€), A Rúa (263.714€), Rubiá (192.110€), A Veiga (212.110€) e Vilamartín de Valdeorras (287.845€).

Así quedaron os montes de Rubiá onde xa se empezan a ver brotes verdes

Unha das intervencións máis relevantes, explicou o delegado, é a colocación de mulching e outras medidas de protección hidrolóxica —nalgúns casos por medio de helicóptero— para evitar a erosión do solo tras as choivas. «Cómpre actuar con rapidez para preservar o terreo e favorecer a recuperación do ecosistema», apuntou.

En relación ás vivendas afectadas, Pardo informou de que na comarca de Valdeorras xa están aprobadas 34 axudas, entre primeiras e segundas residencias, cun importe total de 2,2 millóns de euros, procedentes das 45 aprobadas na provincia de Ourense.

A situación da auga 

O alcalde, Elías Rodríguez, explicou ao delegado o traballo realizado para garantir o abastecemento tras os danos nas captacións. «O medo inicial era que os arrastres provocasen turbidez, pero actuouse con rapidez e eficacia», indicou.

O Concello realizou melloras nas captacións principais e habilitou puntos alternativos en cotas máis altas. «As analíticas están a dar ben e nestes momentos a auga presenta condicións óptimas, aínda que seguimos atentos cada vez que se prevén tormentas», explicou Rodríguez.

O alcalde de Rubiá sinalando o tubo que vén da cima do monteao deoósito

Visita a Vilamartín

No concello de Vilamartín a primeira parada foi no lugar de Abelaído, na parroquia de San Vicente, durante a xornada de voluntariado ambiental ‘Protección dos solos afectados polos incendios nos montes de Vilamartín de Valdeorras’, promovida pola Afundación coa colaboración da Xunta e do concello.

Alí, Pardo reiterou a prioridade da Xunta por unha restauración «urxente e o máis rápida posible; e niso estamos a diario». Destacou que «a agricultura e a gandería son esenciais para manter vivos os nosos pobos, xerar emprego e coidar o territorio. Protexelas é protexer a vida no medio rural e garantir o futuro de todos. Sen persoas no mundo rural non hai xestión do territorio».

Nos montes de Vilamartín esparcindo a palla para que o terreo reteña a auga e nos haxa escorrentías

O delegado explicou que o obxectivo principal da xornada era controlar a erosión e evitar a perda de solo, impedindo que as cinzas chegase ao río Leira, punto de abastecemento de auga do concello. As tarefas consistiron na colocación de acolchados de palla e fibras de madeira para crear faixas protectoras en zonas de pendente elevada. Pardo subliñou que estas accións contribúen á recuperación do patrimonio natural e fomentan «o espírito solidario e o compromiso ambiental».

A visita incluíu tamén San Vicente de Leira, onde Pardo supervisou os traballos de desentullo financiados con 47.000 euros a través dun convenio da Xunta que cubre o custo total da intervención.

Manuel Pardo falando cunha das voluntarias

Axudas

En canto ás axudas individuais, a Xunta xa concedeu 34 subvencións a propietarios de vivendas afectadas en Valdeorras por un importe de máis de 2,2 millóns de euros, principalmente en Vilamartín, así como en Petín e Larouco.

Finalmente, Pardo avanzou que a Consellería do Medio Rural investirá máis de 1,9 millóns de euros na provincia para mellorar infraestruturas viarias, redes de drenaxe, restauración hidrolóxica e eliminación de madeira queimada, 600.000 euros dos cales están destinados a Valdeorras.

Ptrotección dunha das captacións dce auga en Rubiá

Resaltou a achega de máis de 400.000 euros a 19 comunidades de montes e a distribución de 1,5 millóns de quilos de herba seca para garantir a alimentación do gando afectado polos incendios.

A xornada completouse en Vilamartín, onde Pardo visitou ao equipo de voluntarios que continúa espallando palla e mulching en zonas queimadas, así como áreas onde Medio Rural xa iniciou actuacións de rexeneración. «É fundamental evitar que as primeiras choivas arrastren o solo e provocar máis danos», sinalou.