
Ano tras ano, o gandeiro Mario Nogueira, mostra como se facía a vendima no tempo dos nosos avós.
O primeiro cortar a uvas a man en transportalas ao cesto carrral ao carrelo, nun cesto —iso si el agora faino nun de plástico negro, aínda que o de madeira, que se usaba hai máis de 40 anos podémolo ver nos obxectos que conformarán o museo que quere facer—.

Cando o cesto estaba cheo levábase á adega, no carro tirado por bois. Alí pisábanse as uvas no pilo, un contedor de madeira de forma circular que levaba arriba e abaixo uns aros como os das cubas. Mario, agora saca o mosto e méteo en cubetos pero antes unha vez se pisaban as uvas subíanse por unha escada de madeira ao cima da cuba, onde estaba a tremolla —un aparello de forma rectangular que ocupaba o largo da cuba e que no medio tiña un buraco do que saía un cadrado que se encaixaba na boca da cuba—.

Unha vez chea a cuba de bagazo e mosto había dúas maneiras de facer o viño. Podíase deixar cocer todo na cuba e así que deixaba de ferver barrábase —poñíase unha louxa na boca da cuba e ao redor selábase con barro. Este proceso requería «baixar a cuba» —consistía en darlle ao bullo para abaixo para que cocera o que subía para o cima—.

Outra forma de facer o viño era en limpo. Antes de que fervera «sangrábase» sacábase o mosto da cuba grande a cubetos pequenos e alí facía a fervura. Logo a cuba grande botábaselle auga e uns cestos de uvas novas e así saía a purrela.

A purrela empezaba a valer cando as xeadas enfriaban a adega e comezaba a ter «fío». Entre todo este tempo viñan os magostos ou os choupís que con un chourizo ou un pouco de touciño asado e un grolo de viño, compartido con amigos non había festa mellor.

Eran outros tempos e, outro xeito de facer as cousas, que agora Mario Nogueira quere mostrar ás novas xeracións para que saiban do pasado e os que xa temos uns anos recordar aqueles tempos.

Mario achegou o carro cargado coas uvas até a Praza de Petín á hora do vermú para que os que alí estaban visene recordasen outros tempos.

Vídeo da vendima e pisada de uvas de Mario Nogueira: