Nace o Club de Petanca Petín, con máis de trinta e cinco socios en só tres meses
A paixón pola petanca chega con forza a Valdeorras. En Petín acaba de constituírse oficialmente o Club de Petanca Petín (CPP), presidido por Miguel Bautista Carballo e co secretario Ángel Rodríguez Brasa á fronte da organización. En apenas tres meses de actividade, o club xa conta con máis de 35 socios, o que representa arredor dun 5% da poboación do municipio.
Segundo explicou o presidente, o proxecto «xurdiu de maneira natural» cando un grupo de veciños comezou a xogar de forma habitual nas novas instalacións municipais: «Cando se fixo a pista de pádel, pedímoslle á alcaldesa que nos fixera tres pistas de petanca. A partir de aí, todos os días hai xente xogando», contou Bautista.
O club foi inscrito oficialmente na Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e nos próximos días completará os trámites fiscais en O Barco de Valdeorras. «Xa temos toda a autorización, só nos falta o número fiscal», explicaron os responsables.
A directiva, ademais de Miguel Bautista Carballo e Angel Rodríguez Brasa, confórmana, Carlos Barreira Alonso, vicepresidente; Ángel Rodríguez Díaz, tesorero; e Amancio Díaz Jiménez e Estanislao Rodriguez Caride.
Unha afección que non deixa de medrar
Os xogadores destacan o carácter social e accesible deste deporte. «A petanca engancha moitísimo. Ao principio pensas que non che vai gustar, pero se un día non xogas, parece que che falta algo», confesou o presidente.
Boa parte dos afeccionados son persoas retornadas de Francia, país onde a petanca ten unha longa tradición. «Moitos xogaron en Francia cando emigraron, e agora trouxeron esa afección de volta. É un deporte barato: só precisas unha pista e tres bolas», engadiu o presidente.
Proxectos e competicións
O Club de Petanca Petín ten como obxectivo participar en campionatos locais e comarcais. Xa competiron en Toreno, Fabero, Villafranca e San Pedro de Trones, onde incluso lograron un primeiro posto. «A nosa intención é seguir participando na zona e, quen sabe, chegar un día ata Francia, onde están os grandes campionatos», sinalaron entre risas.
Antes de final de ano, o CPP organizará o seu primeiro torneo oficial, coincidindo coa inauguración das pistas municipais. «Queremos facer un campionato antes de decembro, e outro na primavera, para evitar a calor e as festas do verán», explica Gelo.
A forza do apoio local
O club conta cunha ampla rede de colaboracións e patrocinios que fixeron posible o inicio da súa actividade. Entre os patrocinadores figuran Ortopedia Petín, o Concello de Petín, Doblecero, a Tenda da Raquel, Álvaro Blanco, Café Bar Coxita, Spain Trips, O Pitón, Embutidos Murias Artesanos, Panadería Querol, Sanpayolo, Distribucións Roca e Mantesil.
«Todos colaboraron sen problema ningún. Grazas a eles temos as camisetas do club e organizaremos o noso primeiro campionato», agradeceron desde a directiva.
A cota anual para formar parte do club é de 20 euros, e calquera persoa —de Petín ou doutros municipios— pode inscribirse falando cos responsables ou a través do Concello. «Aquí estamos todos os días xogando. A idea é xuntarse, pasalo ben e seguir medrando», concluíu Miguel Bautista.