
O Entroido está preto e o fulión volve facer eco nas rúas de Petín, un pobo que, aínda sen ser terra tradicional de fulións, soubo desfrutar esta festividade e convertela nunha seña de identidade grazas ao esforzo de veciños como Noemí Domínguez, membro do Fulión de Petín e organizadora da xuntanza de fulións do municipio.
«Son filla dos fundadores, Antonio Pereira, Laureano Domínguez (meu pai) e Arturo Filgueira, que xa faleceu, por desgraza. Foron eles os que trouxeron o fulión a Petín. Como podes ver, eu xa o levo no sangue porque nacín con iso», explica Noemí, cunha voz chea de ilusión. A súa paixón tamén está a transmitirlla a outros membros da súa familia. «O máis cativo do fulión agora é o meu fillo, Marco, que ten dous anos. Estes días, como estamos organizando todo, xa anda co bombo dando voltas».
Noemí lembra con emoción os seus primeiros pasos: «Cando era cativa, estaba esperando que saíra o fulión co bombo que me fixera o meu pai. Había moitos rapaces aos que nos gustaba, porque aquí non se fai Entroido como tal, pero cando empezabas a oír os bombos só pensabas en dar voltas polo pobo».
Este sentimento viuno multiplicado cando non puido unirse aos seus compañeiros no momento que se converteu en nai. «Foi complicado porque non puiden tocar, cando estaba na casa escoitando e saltábanseme as lágrimas».
Unha xuntanza especial para abrir o Entroido
Con 40 anos de tradición, seguen sentando as bases para que isto non se perda. Por este motivo, regresa unha vez máis a xuntanza que se fará este 1 de febreiro ás 18:30. Nesta ocasión o Fulión de Petín será o encargado de abrir a xornada.
O punto de inicio da ruta será o Toural e remataremos na praza. Ese momento será no que todos poidan descansar e así recuperar forzas despois de deixar, unha vez máis, a alma no bombo, no sacho ou cas máscaras.
En total serán 6 —contando co de Petín— as agrupacións que estarán presentes. O resto son: Os Viticultores de Vilamartín, Carracedo da Serra, Chandrexa de Queixa, Tameirón e A Veiga.
Esta celebración non remata aquí, xa que os fulións de Petín seguirán percorrendo os pobos veciños durante as próximas semanas, participando nos xoves de comadres e compadres.
«É algo que non todo o mundo entende», di Noemí, reflexionando sobre a paixón que desperta esta tradición. «A veces falas con xente que non entende o do fulión e pregúntaslles se non lles emociona, por exemplo, unha banda de gaitas. Para min, isto é o mesmo».