sábado. 26.07.2025

Festas de Santiago en Petín, como manda a tradición

Petín sacou en procesión a Santiago co acio de uvas das viñas da contorna na man, como manda a tradición

Como cada 25 de xullo, Petín vístese de gala para honrar ao seu patrón Santiago, e este ano non foi diferente. Cando as campás marcaban a unha en punto, o santo saíu en procesión, portado con respecto polos veciños, baixo un sol que daba tregua e entre o son solemne da charanga.

somoscomarca_20250725_petin_festasdesantiago (26)

As rúas do Petín vello, adornadas con flores e bandeirolas, recibiron ao patrón cun aire de festa e devoción.cando a procesíon estaba chegando á praza, o aroma do cabrito asado da panadería do Querol fixo virar cabezas e revolver estómagos. Ao pasar por diante do forno, a barriga non puido evitar dar sinais de vida, lembrando que a tradición tamén pasa pola mesa.

somoscomarca_20250725_petin_festasdesantiago (30)
Gabriel e Aurora, sacando as empanadas do Forno

Tras a procesión, o santo volveu á igrexa, onde o coro de Petín lle dedicou unha sentida canción que emocionou aos presentes. Un momento íntimo, bonito, deses que quedan na memoria colectiva do pobo.

somoscomarca_20250725_petin_festasdesantiago (4)
Coro de Petín ao comezo da misa

Pero non todo foi rezar. Mentres uns seguían os actos litúrxicos, outros agardaban na praza a chegada da sesión vermú, cita obrigada nas festas de Petín. Os bares comezaron a encherse, os grupos de veciños saudábanse, e o ambiente ía collendo forza, como debe ser nunha festa de verdade.

somoscomarca_20250725_petin_festasdesantiago (18)

Nas casas, os cabritos recén saídos do forno agardaban para o xantar familiar, onde non faltan nin o viño da terra nin os contos de sempre. Porque en Petín, as festas do patrón son moito máis que unha misa ou unha procesión: son encontro, sabor, música e memoria compartida.

somoscomarca_20250725_petin_festasdesantiago (25)

Un ano máis, Santiago foi celebrado como mandan os costumes e o corazón. E xa se sabe: se o patrón quere, para o ano… máis e mellor.

 

Festas de Santiago en Petín, como manda a tradición