E despois de Santiago… chega San Xoaquín e Santa Ana

somosc
O 26 de xullo é a festa con maiúsculas dos petineses

Onte era Santiago. As casas cheas, a praza ateigada e ata a igrexa quedou pequena, a praza non digamos. Hoxe xa non. Hoxe é San Xoaquín e Santa Ana, e para moitos petineses este é o verdadeiro día da festa.

Na misa e na procesión hai menos xente. Moitos visitantes xa volveron para as súas casas. Na praza quedan os veciños, os familiares que decidiron quedar un día máis e os amigos que nunca marchan antes de tempo. E, quizais, esa sexa a mellor parte das festas.

Porque xa non importa se na mesa hai sobras ou, como di a miña tía Maruja, «retales». Unha ensalada da horta cun bo tomate, un anaco de empanada e unha sobremesa compartida saben distinto cando non hai présa por marchar nin obriga de impresionar a ninguén.

Petín viviu este domingo un día máis pausado, deses nos que a festa recupera o seu ritmo de sempre. A charanga Caliqueños puxo a música desde primeira hora da mañá, percorrendo as rúas e deténdose diante dalgunha porta, como se fixo toda a vida, facendo saír á xente ás ventás e lembrando que a festa tamén se leva ás casas.

A celebración despedirase este domingo coa sesión vermú acompañada pola propia charanga Caliqueños e coa actuación de La Oca Band, que animará tanto a sesión de tarde como a verbena da noite.

O día dos avós

O 26 de xullo tamén é o Día dos Avós, unha celebración que coincide coa festividade de San Xoaquín e Santa Ana, os pais da Virxe María e, segundo a tradición cristiá, os avós de Xesús.

Quizais por iso non exista unha data mellor para agradecerlles todo o que deixan sen facer ruído. Son os que gardan as historias da familia, os que esperan sen mirar o reloxo, os que poñen un prato máis na mesa por se alguén aparece e os que fan sentir que sempre hai unha casa á que volver.

Nas aldeas, e tamén en Petín, hai festas que non se entenden sen eles. Porque, ao final, son quen mellor sabe que a felicidade adoita parecerse moito a unha mesa compartida, unha conversa longa e un día máis ao lado da familia.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado