sábado. 31.05.2025

Eladio Santos visita o recentemente estreado Malecón de Petín

Aforro e eficiencia enerxética, temas centrais na reunión do subdelegado do Goberno en Ourense coa alcaldesa de Petín

 

 

P_somoscomarca_240628_petin_eladiosantos_raquelmariabautista
Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourese, e Raquel María Bautista, alcaldesa de Petín

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou estes 28 de xuño o Concello de Petín, onde aproveitou para destacar a importancia do Programa DUS 5000 que deixa no municipio unha subvención de 146.063,27 euros. Este investimento chega a través do IDAE, órgano dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. As obras atópanse xa en execución e o Concello achega un 20% do orzamento.

Tal e como destacou o subdelegado durante a súa visita, trátase dunha subvención que «permitirá mellorar as luminarias do municipio, apostando pola tecnoloxía LED, o que suporá un importante aforro enerxético ás arcas municipais e unha mellora da eficiencia enerxética en Petín».

Eladio Santos tamén puxo de manifesto que investimentos deste tipo «son a demostración da aposta clara que teñen o Goberno e o Concello de Petín por dotar á veciñanza dunha renovación do alumeado público, coa eficiencia enerxética por bandeira e coa actualización dos equipos».

Pola súa banda, a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista, explicou polo miúdo os detalles das obras, que contemplan a substitución de 160 luminarias a tecnoloxía LED de última xeración, o que en palabras da rexedora «suporá un aforro do 60% na factura eléctrica municipal».

Aproveitando a visita a Petín, o subdelegado do Goberno e a alcaldesa do municipio comprobaron de primeira man o resultado das obras xa finalizadas no Malecón de Petín, que contaron cun importante investimento de 800.000 euros, no que un 80% foi achegado polo Goberno central, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e un 20% polo Concello. 

En relación a esta obra, Eladio Santos afirmou que «o Goberno sempre estará a carón dos concellos para mellorar o desenvolvemento urbanístico e potenciar iniciativas que permitan atraer turistas». 

O subdelegado amosou a súa «satisfacción» polo remate das obras e destacou que o Goberno «ten en conta o rural e as necesidades dos pequenos municipios, achegando subvencións para mellorar a calidade de vida da veciñanza e as infraestruturas municipais». 
 

Eladio Santos visita o recentemente estreado Malecón de Petín