
O Bolo celebra esta Semana Santa con dúas actividades principais: a XV Festa da Vitela e a II Estoupa do Xudas, os días 19 e 20 de abril, respectivamente. Este ano, a tradicional festa gastronómica do concello inclúe un emotivo acto de homenaxe ao médico Sebastián Ricoy Otero, natural das Ermidas, quen dedicou toda a súa vida profesional á atención sanitaria da veciñanza do Bolo e arredores.
A homenaxe terá lugar o sábado 19 de abril ás 12:00 horas, diante da casa natal do médico nas Ermidas. Ricoy Otero, nado en 1906, exerceu como médico rural desde a década de 1930 ata a súa morte en 1997, sendo un exemplo de entrega e vocación.
A programación da XV Festa da Vitela inclúe tamén unha feira de produtos tradicionais, con 15 postos de artesanía, viño, doces, mel, entre outros, instalados diante do pavillón polideportivo do Bolo. A feira abrirá ás 11:00 horas e permanecerá activa durante toda a mañá. Ás 14:00 horas celebrarase a tradicional comida, onde se servirá vitela con patacas e chourizo, sopa, sobremesa e café. A festa continuará pola tarde coa música do Dj Josete.
O domingo 20, a festa trasládase á área recreativa do Bibei nas Ermidas coa II Estoupa do Xudas, unha actividade que recupera esta antiga tradición popular. A queima do Xudas terá lugar ás 12:30 horas, acompañada de ambientación musical, bar, pulpeira e unha proxección audiovisual sobre o proceso de recuperación desta celebración.
Programa resumido:
19 de abril – XV Festa da Vitela
-
Pavillón polideportivo do Bolo
-
11:00 | Feira de produtos tradicionais
-
12:00 | Homenaxe a Sebastián Ricoy Otero (nas Ermidas)
-
14:00 | Comida tradicional
-
17:00 | Música con Dj Josete
20 de abril – II Estoupa do Xudas
-
Área recreativa do Bibei, nas Ermidas
-
12:30 | Queima do Xudas, bar, música e proxección