
No seu empeño por buscar o interese turístico da xente na súa riqueza patrimonial e paisaxística, o Concello do Bolo chama aos interesados a abrir a porta do turismo rural no municipio, coa instalación e posterior explotación dalgún establecemento deste tipo na zona do Santuario das Ermitas. Para o alcalde, Manuel Corzo, a comunicación por parte da Inspección de Turismo «da baixa de oficio e cancelación rexistral do establecemento A Dormiñona», a única casa rural que existía ata o de agora nas inmediacións do santuario, prodúcelle «unha gran satisfacción» porque desta maneira «quen queira, xa ten a vía libre» para establecerse.
Conta o rexidor bolés que «xa era hora» de que se tomaran cartas no asunto porque «o feito de que estiveran eles facía que outros non puideran vir a establecerse, e máis tendo en conta que recibiron as subvencións que lles permitiron poñelo en marcha». Explica que, «a 21 de xuño de 2018 inspeccionouse o establecemento e concluiuse que non se realiza ou exerce ningunha actividade» e ademáis «non consta ningunha comunicación por parte do titular do cesamento da mesma», polo que a área provincial acordou finalmente iniciar o expediente de baixa, seguindo a Ley de Turismo de Galicia.
A falta de «retirar o letreiro que indica que é unha casa rural», o establecemento permanece pechado dende hai meses.