O Bolo, un destino para Semana Santa
O municipio está recuperando tradicións, como a Estoupa do Xudas e segue con outras como a Festa da Vitela e a Semana Santa, cargada de paixón no Santuario das Ermitas
A Estoupa do Xudas, a Festa da Vitela e a Semana Santa, cargada de paixón no Santuario das Ermitas, toman especial importancia estes días no Concello do Bolo. A parte disto, tamén poñen en valor toda a naturaleza da que poden desfrutar aquelas persoas que visiten o municipio.
Semana Santa
A Semana Santa é unha das grandes atraccións no Santuario das Ermitas, este ano con moita máis razón. «Dende o Concello, o Domingo de Pascua, recuperaremos a Estoupa do Xudas que non se facía dende o 1996», explica Alberto Vázquez, alcalde do municipio.
De feito, segundo el mesmo explica, fano «con motivo dos 400 anos dende que se comezou a construción do Santuario». Pero, que é a Estoupa do Xudas? É unha representación da morte de Xudas, «unha figura que se fai con panos e petardos. Préndeselle lume e comeza a fixar e explotar».
Para evitar incidentes, «vámolo realizar na área recreativa ao carón do Río Bibei». Será antes da misa que se celebra na igrexa, é dicir, a partir das 12:30 poderase rememorar este costume ou coñecela de primeira man.
A Festa da Vitela
A Festa da Vitela comezou con 500 entradas a venda, agora xa case levan vendidas 700. Esta décima cuarta edición contará cunha «comida tradicional e unha feira de produtos locais que comezará ás 11:00», adianta o alcalde. Poucas entradas quedan a venda, de feito no último reconto «quedaban unhas 50. O que queira participar inda pode comprar a súa entrada por 18 euros, quedan no restaurante Volobriga».
Visitas guiadas
Engadido a estas actividades, «toda a xente que se acerque a comarca de Valdeorras pode desfrutar do castelo que vai estar aberto desde hoxe, pódese visitar dende as 12:30», asegura o alcalde. A isto tamén se lle pode engadir o Museo do Yosso, «onde están as obras de arte dun veciño, Xosé de Balbuxán».
Que máis ofrece o Concello do Bolo?
A natureza é outra parte importante no Concello do Bolo, «toda a xente que lle guste desconectar das cidades pode vir dar un paseo». A isto súmaselle o canón do Río Xares, «onde hai un canal romano cunha ruda de sendeirismo» e o canón do Bibei, «onde está o Santuario das Ermitas».