O Bolo prepárase para unha Semana Santa que une devoción, cultura e festa popular

O alcalde destaca a importancia das Ermidas e anima a participar na Festa da Vitela e na recuperación da Estoupa do Xudas

O Concello do Bolo afronta unha das súas citas máis sinaladas do ano coa celebración da Semana Santa, unha proposta que combina a solemnidade dos actos relixiosos no Santuario das Ermidas cun programa festivo e gastronómico que terá o seu punto álxido a partir do sábado 4 de abril.

Tal e como explica o alcalde, Miguel Ángel García, «a Semana Santa está moi arraigada e ten moita fe», cun santuario que cada ano reúne a numerosos devotos que se achegan a participar nunha das celebracións máis destacadas da contorna.

Os actos relixiosos volven situar ás Ermidas no foco, con citas como o Vía Crucis, o Sermón das Sete Palabras, o Desencravo ou a Procesión da Soidade, que manteñen viva a esencia dunha celebración fondamente vinculada á identidade do municipio.

Nestes días previos, o concello traballa xa na preparación dos espazos para garantir a seguridade dos asistentes. «Estamos ultimando a limpeza da subida ao Vía Crucis, porque coa chuvia había risco de que a xente resbalara», sinala o rexedor.

Pero tras a parte máis espiritual, chega tamén o momento da celebración. O sábado 4 de abril terá lugar a XVI Festa da Vitela, unha cita xa consolidada que combina gastronomía e promoción do rural. «É unha tradición que tamén serve para apoiar aos produtores locales e dar visibilidade á xente que vive no rural», destaca o alcalde.

A xornada arrancará pola mañá coa feira de produtos tradicionais, que se instalará diante do pavillón, e incluirá tamén a apertura do Museo Yosso. «É un artista que queremos dar a coñecer, porque ten unha obra moi especial», explica.

Un dos momentos con máis aquel será o homenaxe á cantareira Jacinta Fernández, de Lentellais, pola súa contribución á conservación da tradición oral. «Moitas das súas coplas só estaban na súa memoria e grazas a ela non se perderon», subliña García.

A celebración continuará coa comida popular e música ao longo da tarde, nun ambiente pensado para compartir en comunidade. «Queremos que a xente se sinta cómoda, que veña en familia e desfrute», apunta.

Xa o domingo, a programación completarase coa Estoupa de Xudas, unha tradición singular que o concello está a recuperar tras anos sen celebrarse. «É algo moi único e queremos que volva atraer xente», afirma o alcalde.

Máis alá das celebracións, desde o Concello do Bolo tamén destacan o potencial do municipio como destino turístico. «O Bolo é paisaxe, é rural, é viño, é castañas… pero sobre todo é a nosa xente», resume García, quen lembra que o territorio conta con «28 núcleos, cada un co seu atractivo».

Así, O Bolo convértese estes días nun punto de encontro onde conviven cultura, paisaxe, devoción e festa, nunha Semana Santa que vai máis alá do relixioso para reafirmar a identidade dun pobo.