Arte, memoria e territorio danse cita no Castelo do Bolo con “Paisaxes Candentes”
O Castelo do Bolo converterase este 8 de maio nun espazo de encontro entre creación artística e memoria colectiva coa celebración de «Laboratorio Mutante: Paisaxes Candentes», unha proposta que mestura audiovisual e danza contemporánea para reflexionar sobre o territorio e as súas transformacións.
A cita, que terá lugar ás 19:00 horas, inclúe a proxección do documental «Cartografía do río que xa non é», unha peza impulsada por Outonía S.Coop.Gal que afonda na memoria do encoro do Bao. O traballo constrúese a partir dun proceso colaborativo con persoas e comunidades afectadas, empregando a mediación artística e cultural como ferramentas de reparación territorial e reconexión co pasado.
A xornada completarase coa mostra de danza contemporánea «Corpos de Auga», da compañía Disiden.CIA, formada por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez. A peza nace dun proceso de creación compartida coa Residencia de Maiores do Bolo e a Casa do Maior, integrando experiencias vitais e lembranzas nunha proposta escénica que pon o corpo no centro do relato.
Esta iniciativa forma parte do Laboratorio Mutante de Outonía, un proxecto que aposta por explorar novas formas de relación entre arte, territorio e a xente. Conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), o Ministerio de Cultura e a colaboración do Concello do Bolo.
«Paisaxes Candentes» preséntase así como unha oportunidade para repensar o patrimonio desde a creación contemporánea, dando voz ás historias que permanecen no territorio e abrindo espazos de diálogo entre xeracións.
A proposta convida á veciñanza e ao público a participar nunha experiencia única onde arte e memoria conflúen nun escenario singular como o Castelo do Bolo, reforzando o papel da cultura como ferramenta de conexión co territorio.