O Barco de Valdeorras contará cun novo impulso en materia de infraestruturas básicas tras a reunión mantida este xoves, 4 de setembro, entre o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde barquense, Aurentino Alonso, quen acudiu acompañado do seu predecesor, Alfredo García.
Na xuntanza, celebrada en Santiago, Rueda comprometeuse á sinatura dun convenio para a cofinanciación do subministro de auga, bombeo e construción dun novo depósito na localidade de Outarelo. O proxecto, valorado en 296.000 euros, será financiado nun 80% por Augas de Galicia, organismo que actualmente supervisa a proposta técnica elaborada polo Concello.
O alcalde trasladou tamén a necesidade de que o Consorcio Galego de Servizos e Igualdade asuma a Escola Infantil Municipal, integrándoa na rede autonómica de escolas infantís. A cuestión quedou pendente de estudo, xunto coa posible colaboración da Xunta na segunda fase das obras de ampliación destas instalacións, cuxo proxecto está en redacción.
Por outra banda, Alonso expuxo ao presidente autonómico a elaboración dun proxecto para a creación dun Centro de Interpretación da Minería en O Barco, para o que se prevé optar a fondos europeos. Neste ámbito, o rexedor pediu o apoio da Xunta tanto para a súa posta en marcha como para o futuro funcionamento do centro