
Tras dous días coñecendo a comarca, este mediodía a visita concluía cun acto no Salón Multiusos do Concello do Barco. Tanto o alumnado barquense como o portugués foron recibidos pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta; concelleiro de deportes, Aurentino Alonso; concelleira de turismo, Alba Rodríguez.
Margarida Pizcueta valoraba positivamente esta experiencia e confiaba en que se puidera manter esta continuidade no próximo ano. Pola súa banda, as docentes de Vila Real mostráronse agradecías pola acollida e destacaron a importancia e interese por este tipo de iniciativas.

Tras estes recoñecementos mutuos, o alumnado de Portugal era agasallado cuns detalles por parte do Concello do Barco. A maiores, as profesoras de Vila Real tamén lle fixeron entrega dun detalle a Aurentino Alonso.

Sumado a isto, Margarida Pizcueta quixo aproveitar este momento para pedirlle a todos os alumnos que alí se encontraban que non perderan o contacto. Deste xeito animábaos a intercambiar números de teléfono e seguir fortalecendo a amizade.
Os alumnos de Vila Real viaxan ao Barco dentro de Programa de Intercambios Culturais do Eixo Atlántico
Case 50 alumnos do Barco e da localidade portuguesa de Vila Real participan desde mañá mércoles 8 de maio nos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico.
Trátase dunha iniciativa organizada e financiada polo Concello do Barco, no que este ano participa o CEIP Condesa de Fenosa. Con este programa, búscase facilitar o intercambio entre escolares dos diferentes concellos de Galicia e Norte de Portugal que integran Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e, neste caso en concreto, as cidades do Barco e Vila Real.
Na primeira fase deste intercambio 20 alumnos acompañados dun profesor e unha profesora do CEIP Condesa de Fenosa, viaxaron a Vila Real os días 10 e 11 de abril.
Agora, 25 alumnos e dous profesores do Agrupamento de Escolar Diogo Cão, e unha técnica do municipio de Vila Real estarán os días 8 e 9 de maio no Barco de Valdeorras, onde desenvolverán un amplo programa de actividades.
Unha vintena de alumnos do colexio Condesa de Fenosa viaxan a Vila Real (Portugal)
Un grupo de 20 alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria do colexio Condesa de Fenosa viaxan este 10 de abril a Vila Real e regresarán o día 11. Pola súa banda os estudantes da Escola Diogo Cao visitarán O Barco os días 8 e 9 de maio.
«Este é un programa promovido polo Eixo Atlántico que conta co financiamento do Concello do Barco. Así promóvese o coñecemento doutras culturas da eurorrexión», explica Carmela García, directora do centro educativo.
Durante estes dous días «coñeceremos o centro da cidade cos compañeiros de alí. Teremos un almorzo cos estudantes e unha demostracións dos seus traballos», asegura. Non faltarán as actividades nesta viaxe.
«Trátase de promover un coñecemento de diferentes costumes do Eixo Atlántico. Tamén de concienciar e entender como se conforma unha eurorrexión, todo isto dende a perspectiva da infancia», espera a directora.