miércoles. 12.11.2025

Viloira celebrou o Magosto de San Martiño cun ambiente cheo de sabor e festa

Centos de persoas reuníronse na praza Ramón Otero Pedrayo para gozar das castañas, o viño e a música da charanga Os Bierzones nunha cita organizada pola Concellería de Cultura do Barco

O inconfundible arrecendo a castañas asadas comezaba a notarse xa contra as cinco da tarde nas rúas de Viloira, no Barco de Valdeorras. A vila preparábase para celebrar o seu Magosto de San Martiño, unha das festas máis queridas do outono, organizada pola Concellería de Cultura do Concello do Barco.

somoscomarca_20251111_viloira_magosto_castañas (5)

A xornada festiva comezou pola mañá coa tradicional misa e procesión en honor a San Martiño, patrón da parroquia, e continuou xa pola tarde coa celebración popular que encheu de vida a praza Ramón Otero Pedrayo.

A partir das sete da tarde, a praza Ramón Otero Pedrayo converteuse no punto de encontro de centos de veciños e visitantes que acudiron a compartir esta festa popular. Sobre unha gran chapa disposta para a ocasión, asáronse preto de 500 quilos de castañas, que se repartiron de forma gratuíta en cornetos entre todos os asistentes.

somoscomarca_20251111_viloira_magosto_castañas (15)

Non faltaron tampouco o viño e outras bebidas, pensadas tanto para maiores como para os máis pequenos, nin a animación musical, que correu a cargo da charanga Os Bierzones, encargada de poñer ritmo e ambiente festivo á noite.

A celebración completouse cos chourizos e a panceta asada que serviron os diferentes establecementos hostaleiros, poñendo o broche perfecto a unha velada que combinou tradición, sabor e boa compañía.

Viloira celebrou o Magosto de San Martiño cun ambiente cheo de sabor e festa