jueves. 18.04.2024

Á comida organizada polo Concello do Barco no hotel Coia de Vigo asistiron 180 persoas

A V Festa do Botelo pecha en Vigo a súa promoción anual coa asistencia de 180 persoas que se deron cita no Hotel Coia, para degustar a estrela da gastronomía barquense, o botelo.

O singular botelo acompañado de cachelos e verdura pechou a promoción deste ano na cidade olívica. Ó acto asistiu o alcalde de Vigo Abel Caballero — só puido estar presente na primeira parte do evento e despois tivo que ausentarse por temas persoais— e, o concelleiro e deputado provincial, Santos Héctor como representación institucional da cidade olívica. O Concello do Barco estivo representado polo seu alcalde, Alfredo García e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta. O escritor e editor galego, Bieito Ledo, encarnou ó mundo da cultura na festa gastronómica.

Alfredo García servindo o botelo a Abel Caballero baixo a atenta mirada de Pizcueta

A comida comezou ás 14:00 horas con sopa e empanada de maravallas, a continuación serviuse o botelo. A degustación do botelo —estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo—, acompañouse con viño branco da Adega D´Berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno do Barco. Na sobremesa non faltou a típica torta de roxóns, a bica. Música e baile para o peche do acto.

Botelo disposto nunha das mesas

Este foi o último acto promocional do botelo desta tempada organizado polo Concello do Barco quen realizou, este ano, unha chea de actividades neste senso e deu continuidade a outras para seguir dando a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o botelo.



A Festa do Botelo que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2014, celebrou o pasado día 19 de xaneiro na vila do Barco a súa décimo novena edición. A promoción deste manxar continuou fora das terras valdeorresas en Coruña, o pasado día 9 de febreiro, e rematou a actividade onte en Vigo.

Vigo pecha a promoción anual do botelo