jueves. 03.07.2025

Os tres grupos do Concello do Barco rexeitan os novos gastos impostos polas probas da PAU

Os grupos Municipales Socialista, Popular e Nacionalista do Concello do Barco únense para denunciar unha carga económica que consideran inxusta e discriminatoria fronte a outros territorios galegos
somoscomarca_20250605_,obarco_pleno_aurentinoalonso

O pleno ordinario do Concello do Barco, que se celebra este xoves, contará cunha moción conxunta presentada polos grupos municipais Socialista, Popular e Nacionalista, coa que expresan o seu total desacordo co novo modelo de financiamento das probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (PAU), que se realizan no IES Cosme López da Rúa.

A moción denuncia que, malia os beneficios educativos que supón manter unha sede local destas probas —que evitan desprazamentos longos ao alumnado de Valdeorras, Trives, Viana ou Quiroga—, os concellos veñen asumindo uns custes que consideran “inxustos e discriminatorios”.

Segundo sinalan, a través dun novo convenio con CIUGA (Comisión Interuniversitaria de Galicia), o Concello da Rúa comprometeuse a pagar 21.875 euros por gastos de xestión, coordinación e materiais, unha cifra que logo se repercute ao resto dos concellos implicados. Trátase dun incremento do 80% en só dous anos, fronte aos algo máis de 11.000 euros que se pagaban ata o ano pasado.

Aurentino Alonso, voceiro do PSdeG-PSOE no Concello do Barco, explicaba así o contido da moción durante unha intervención en Onda Cero:«No pleno do Concello do Barco, os tres grupos que formamos parte da Corporación Municipal, Partido Socialista, Partido Popular e BNG, levamos unha moción conxunta para rexeitar os gastos de realización das probas de acceso á universidade no Concello da Rúa». E engadía: «Tanto no Concello da Rúa como nos concellos de Viveiro e Cee, os concellos teñen que abonarlle á CIUGA unhas cantidades para celebración desas probas. O resto de Galicia non abona nada».

Aurentino Alonso tamén denunciou a falta de xustificación directa destes novos gastos e a desigualdade territorial: «O único que pedimos nesa moción é requerirlle á CIUGA a retirada inmediata de todos estes gastos, incluídos nos convenios asinados polos concellos, que consideramos insustificados e, ademais, sobre todo, discriminatorios entre todos os territorios de Galicia».

E concluíu advertindo da enorme carga que supón para os orzamentos locais: «Desde o ano 2013 ata o 2025, o total abonado polos concellos ascende a 155.949,11 euros. Dos cales, 79.836 correspóndelle ao Concello do Barco aproximadamente. Unha cantidade descomunal».

Na moción tamén se insta á Xunta de Galicia a atopar fórmulas que garantan a continuidade destas sedes sen que os concellos teñan que facer fronte a custes que —segundo defenden— deben asumir as administracións autonómicas ou universitarias. Para os tres grupos, a defensa da equidade educativa e territorial non pode recaer sobre concellos xa sobrecargados economicamente.

Os tres grupos do Concello do Barco rexeitan os novos gastos impostos polas probas da PAU