A tempada teatral do segundo trimestre comeza este sábado 11 de outubro ás 20.30 horas no Teatro Lauro Olmo, e faino por todo o alto con «Trash!», unha proposta da man das recoñecidas compañías Yllana e Toom Pak. Un estoupido de ritmo, creatividade e conciencia ecolóxica que transforma o lixo en arte e o escenario nun vertedoiro cheo de vida. As entradas teñen un prezo de 15 euros.
A proposta, apta para todos os públicos, mestura percusión, movemento e humor para levarnos a un centro de reciclaxe onde traballan catro operarios moi especiais. Nada escapa ao seu talento: bombonas de butano, paraugas, caixas de ferramentas ou mesmo bolsas de lixo convértense en instrumentos inesperados, dando lugar a sorprendentes números musicais que deixan sen fala.
O espectáculo non só entretén, tamén lanza unha mensaxe clara: na sociedade do consumismo, o que desbotamos pode ter unha segunda vida. E se cadra, tamén unha segunda lectura.«Trash!» é enerxía en estado puro, unha proposta visual e sonora que ten conquistado escenarios de todo o mundo, e que este sábado poderá gozarse en O Barco