O talento musical do Barco volverá cruzar fronteiras esta fin de semana. O Conservatorio Profesional e Escola de Música do Barco participará os días 23 e 24 de maio na IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, unha cita xa consolidada como escaparate da música nova da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
Ata Vilalba desprazaranse integrantes do Grupo de Sopros e do Cuarteto de Saxofón e piano do centro barquense para interpretar a obra «Suite Hellénique», do compositor Pedro Iturralde, nun encontro que reunirá máis de cen mozos músicos procedentes de escolas e conservatorios pertencentes aos municipios integrados no Eixo Atlántico.
A Mostra converterá durante toda a fin de semana o Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e o Auditorio Municipal Carmen Estévez nun gran escenario para a música clásica e contemporánea feita polas novas xeracións. Máis alá da competición, o evento busca fomentar a convivencia, o intercambio cultural e a formación musical entre alumnado de Galicia e do norte de Portugal.
O certame estrutúrase en dúas fases. A primeira terá lugar o sábado 23 de maio, cunha xornada de selección que se desenvolverá entre as 9.30 e as 13.30 horas e pola tarde entre as 16.00 e as 19.00 horas. Xa o domingo celebrarase a fase final, da que sairán os premiados desta edición.
O xurado escollerá doce finalistas que volverán actuar na mañá do domingo para optar aos galardóns, consistentes nunha escultura do Eixo Atlántico e premios económicos que oscilarán entre os 400 e os 2.500 euros.
A Mostra Musical é ademais un evento aberto ao público, polo que veciñanza e visitantes poderán asistir libremente ás diferentes actuacións e descubrir o nivel interpretativo dunha nova xeración de músicos que medra con forza na Eurorrexión.
A edición deste ano contará tamén cun momento especialmente emotivo coa homenaxe ao clarinetista portugués António Saiote, considerado unha das figuras máis relevantes da música culta portuguesa e un referente na formación de intérpretes. O recoñecemento terá lugar na gala de clausura do domingo pola tarde.
Coa súa presenza nesta cita internacional, o Conservatorio do Barco continúa levando o nome de Valdeorras a escenarios de referencia, demostrando que a música tamén é unha ponte de unión cultural entre territorios veciños.
