Soulecín volverá abrir os seus fornos e celebrar nas airas unha festa que mestura gastronomía, historia e o sentir dos veciños
Soulecín volverá converterse o vindeiro 6 de xuño nun punto de encontro arredor da tradición, da gastronomía e da memoria colectiva coa celebración da segunda edición do Camiño dos Fornos e das Airas, unha iniciativa que naceu o pasado ano e que regresa agora «con máis ilusión e máis forza» tras a boa acollida da súa estrea.
A presentación oficial celebrouse na Aira do Fondo, debaixo dun concheiro centenario e coa casa da guerrilleira Chelo Rodríguez como testemuña. Tres cubetos unha xarra de barro e tres cuncas formaban parte da decoración e o soar da auga do Regueiro de Mourelas foi a música de fondo, facendo se cabe a sensación máis grata.
Ángel Álvarez da Asociación de Veciños Soulecín organizadora que foi o primeiro en tomar a palabra, estivo acompañado polo alcalde do O Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; a concelleira de Turismo e Comercio, Alba Rodríguez; e Maite Pérez García, tamén integrante da asociación veciñal.
O gran protagonista da xornada volverá ser a exaltación da empanada de maravallas, acompañada de tapas salgadas, doces, viños e queimada nun percorrido que mestura gastronomía e patrimonio popular. Pero a cita vai moito máis alá da comida.
Desde a organización explicaron que o obxectivo principal é «seguir poñendo en valor o noso patrimonio, a nosa cultura e a convivencia entre veciños e visitantes». O evento incluirá novamente unha andaina cultural que sairá ás once da mañá desde Viloira acompañada por unha guía, recuperando o espírito das antigas romarías e os camiños tradicionais cara ao pobo.
Ao longo da tarde, os asistentes poderán percorrer tres fornos e tres airas tradicionais habilitadas para a ocasión —A do Santiago, a do Fondo, e a do Pico— mentres desfrutan do ambiente musical creado polas parrandas e dos concertos posteriores de Duke Magú e DJ Rafa, que prolongarán a festa ata ben entrada a noite.
Durante a presentación, o alcalde Aurentino Alonso felicitou á organización polo traballo desenvolvido arredor da recuperación etnográfica de Soulecín. «É un entorno bucólico, incomparable, e ademais un dos pobos do Concello con máis vida a nivel de recuperación arquitectónica e patrimonial», destacou.
Na mesma liña se expresou Alba Rodríguez, quen puxo en valor o labor de recuperación das costumes tradicionais arredor dos fornos e das airas. «O bonito desta iniciativa é que non só estades os veciños, senón que convidades a toda a xente a desfrutar do voso pobo e das vosas tradicións», sinalou, convencida de que esta celebración acabará consolidándose como unha das citas destacadas do calendario festivo do municipio.
As entradas terán un prezo de 18 euros en venda anticipada e 20 euros en taquilla, cun aforo limitado de entre 300 e 350 persoas. Poderán adquirirse no Autoservicio Gabela, en Viloira, e na Zapatería Moral do Barco.
Pero quizais o máis especial desta festa non sexa o gastronómico nin o musical, senón o compoñente emocional que está conseguindo despertar entre moitas persoas vinculadas ao pobo. Desde a organización explicaban que cada ano regresan veciños e descendentes que levaban décadas sen volver a Soulecín.
«O máis bonito é ver xente que fai moitos anos que non viña ao pobo e que regresa ese día para reencontrarse coa súa historia, cos seus recordos e coas súas casas», explicaba Ángel.
Segundo relataron, hai persoas chegadas desde Madrid, Vigo, A Coruña ou Lugo que xa están contactando para conseguir entradas. Algúns emocionan ao volver atoparse cun pobo completamente transformado grazas á rehabilitación das vivendas e á recuperación da pedra tradicional nas fachadas.
«Antes moitas casas estaban cubertas de cemento e agora a xente sorpréndese ao ver a pedra restaurada e o pobo recuperado», sinala Álvarez, lembrando mesmo o caso dunha muller que o pasado ano rompeu a chorar ao regresar á antiga aira da súa familia.
O II Camiño dos Fornos e das Airas volve así converter a tradición nun motivo para regresar ás raíces, reencontrarse coa memoria e demostrar que os pequenos pobos poden seguir enchéndose de vida arredor da súa historia.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado