









































Soulecín, unha pequena xoia orientada ao nacente e agochada entre os montes do Barco de Valdeorras, celebrou a súa primeira festa gastronómica nun escenario inigualable: o das súas airas e dos seus fornos. Un pobo que semella saído dun conto, onde a natureza, a historia e o traballo veciñal se mesturan para crear algo único.

Os veciños de Soulecín decidiron poñer o seu pobo no mapa das rutas gastronómicas, amosando o seu carácter, a súa esencia e a beleza que agocha cada recuncho. Pasear polas súas rúas é todo un pracer para os sentidos: flores que decoran os camiños, cereixas que comezan a coller cor, casas restauradas con mimo que invitan a entrar, e o recordo sempre presente daqueles que viviron alí. Entre eles, Pepa, que aos 18 anos marchou para Portela e que hoxe viu como a súa antiga casa se converteu nunha fermosa praza de lousa, con barandillas feitas con táboas de cubas vellas.
Porque en Soulecín, o vello ten unha segunda vida. A reciclaxe é arte: aros e táboas das cubas convertéronse en barandillas; os camiños, limpos; e a maioría das casas, restauradas con gusto, sen perder a alma do lugar. As airas —esas prazas que servían de encontro e traballo— teñen nome propio. Algunhas polo que nelas se facía, outras polos veciños que as habitaban: a dos Bolos, a do Santiago, a do Pico, a do Teso, a do Fondo... Esta última, como o seu nome indica, está no fondo do pobo, mentres que a do Pico coroa a parte alta.

Nesta xornada tan especial, os veciños quixeron compartir o seu pobo, e máis de 200 persoas responderon á chamada. Como non podía ser doutro xeito, foron agasalladas do mellor xeito que sabemos os galegos: con comida, viño, música e hospitalidade.

O percorrido comezou na aira dos Bolos, onde se mercaban unhas tazas conmemorativas que daban dereito á comida, bebida e sobremesas. Alí, Ángel Álvarez, veciño implicado e mestre de cerimonias, deu a benvida aos asistentes e agradeceu ás autoridades e a toda a veciñanza o esforzo feito durante os últimos meses. “Non só fixemos unha rede etnográfica”, dixo, “recuperamos camiños, limpamos o pobo, rehabilitamos casas... e así xurdiu esta primeira ruta dos fornos e das airas de Soulecín”. Ángel mostrouse emocionado por ver tanta xente reunida na praza, como nas festas doutros tempos.

Ao seu carón estiveron o alcalde do Barco, Alfredo García, e varios membros da corporación municipal, como as concelleiras Margarida Pizcueta, Alba Rodríguez, Alicia Álvarez, Jesús Jares e a responsable da Oficina de Turismo, Diana Rodríguez, quen recibiu unhas palabras especiais de recoñecemento pola súa axuda constante no proxecto. Tamén se agradeceu a Cristian Pombo pola cartelería e polos detalles artesáns en madeira que achegou á celebración.

O alcalde, nun ton distendido, confesou que estaba desexando probar os pratos elaborados polos veciños, pero tamén destacou a importancia deste tipo de iniciativas: “Este é o camiño dos pobos: traballar xuntos, recuperar espazos, celebrar en comunidade”. Animou, ademais, a que outras aldeas do Barco sigan o exemplo de Soulecín.

Despois das palabras, comezou o percorrido gastronómico acompañado pola música do grupo Pándega, que puxo o son á ruta. A primeira parada foi na aira do Santiago, onde unha inmensa paella agardaba aos visitantes. De alí pasouse ao forno comunal, recentemente rehabilitado, onde se cocía o pan que máis tarde se degustou na aira do Fondo, acompañado de queixo e xamón. Os veciños tamén agasallaron cunha empanada de maraballas ao estilo de Soulecín, feita con costelas de porco adobadas: un auténtico manxar.

O forno dos Escuredo sorprendeu cunha combinación de chourizo e tortilla, mentres que no forno do Luis esperaba un suculento lacón asado. A ruta rematou onde comezara, na aira dos Bolos, cun doce final: café, bica e queimada para todos.

Foi unha xornada inesquecible que deixou bo sabor de boca, tanto no padal como na alma. Viva Soulecín, a súa gastronomía e, sobre todo, a súa xente.