O Barco de Valdeorras viviu unha intensa xornada coa celebración dos Maios, unha tradición ancestral que dá a benvida á primavera e que, un ano máis, encheu a Praza do Príncipe de flores, creatividade e ambiente festivo. Dende primeiras horas da mañá, o recendo floral invadía o espazo, onde se podían admirar as esculturas elaboradas con xestas e flores, verdadeiras obras de arte efémeras acompañadas polo canto das coplas.
A programación comezaba ás 11.00 horas coa apertura dunha mostra de produtos locais e artesanía, así como coa exposición dos nove Maios participantes nesta edición do concurso: catro na modalidade de enxebres e cinco na de artísticos.
Arredor das doce do mediodía, o grupo Cantigas e Agarimos tomaba o relevo cunha actuación de música e baile tradicional que conquistou ao público asistente grazas ás súas coidadas coreografías e á posta en escena.
Ás 13.00 horas chegaba un dos momentos máis agardados da xornada: o canto das coplas. Cun ton retranqueiro, satírico e reivindicativo, os participantes abordaron temas de actualidade como os incendios, os astronautas ou a política local. Nesta parte participaron os colexios Conde de Fenosa, Julio Gurriarán, Ramón Otero Pedrayo e Divina Pastora.
Xa pola tarde, os máis pequenos gozaron da sesión de contacontos “Carballo con botas”, antes de dar paso, ás 19.00 horas, á esperada entrega de premios. O acto contou coa presenza da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, e do alcalde, Aurentino Alonso, ademais doutros membros da corporación municipal.
O premio do “Voto Aberto”, promovido polo Centro Comercial Aberto e decidido polo público ao longo do día, foi para o Colexio de Virxe do Camiño de Rubiá
Na categoría de Maios enxebres, o accésit foi para o Condesa de Fenosa, o terceiro premio para Divina Pastora, o segundo para Ramón Otero Pedrayo e o primeiro para Julio Gurriarán.
En canto aos Maios artísticos, os accésits recaeron no Condesa de Fenosa e Julio Gurriarán; o terceiro premio foi para Asfaval, o segundo para o Colexio de Rubiá e o primeiro para Ramón Otero Pedrayo.
Respecto ás coplas tradicionais, o accésit foi para o Conde de Fenosa, o terceiro premio para Ramón Otero Pedrayo, o segundo para Julio Gurriarán e o primeiro para Divina Pastora.
A encargada de pechar o acto foi a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, quen agradeceu a implicación dos participantes, artesáns e produtores, así como a asistencia do público. Tamén tivo palabras para Anxo Moure, ao que definiu como “o noso Maio vivinte”, destacando o seu labor na preservación desta tradición.
