martes. 24.06.2025

"Somos olímpicos", a campaña especial de doazón de sangue chega ao Barco

Unha unidade estará na praza do Concello mañá martes día 23 e o mércores 24. Ademais haberá agasallos para os doantes e unha montaxe relacionada cos Xogos de París
somoscomarca_obarco_camion_donacion_sangre_autobus_paciente_2022-04-28 (2)
"Somos olímpicos", a campaña especial de doazón de sangue chega ao Barco.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) leva ao Barco a súa campaña especial de doazón "Somos Olímpicos" co obxectivo de sensibilizar á cidadanía da «importancia do solidario xesto da doazón de sangue nos meses de verán».

Unha unidade móbil estará na praza do Concello barquense mañá martes 23 de xullo e o mércores día 24, das 10:45 ás 14:30 e das 16:30 ás 21:00 horas. No mesmo espazo disporase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todos os doantes recibirán, como agasallo, unha camiseta co lema da campaña. 

Esta iniciativa desenvolverase en máis de vinte concellos galegos e forma parte da campaña especial de doazón de sangue nos meses de verán, «un período especialmente sensible, xa que os meses estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos».

ADOS lembra que, todos os días, «son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue e, nos meses de verán, debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, é preciso reforzar o permanente chamamento á solidariedade».

O Barco, concello solidario

No pasado ano 2023 O Barco acadou unha cifra de 402 doazóns, o que supuxo a obtención dun índice de 30 doazóns por cada mil habitantes e ano. Isto impulsa a aumentar progresivamente a participación dos veciños ata acadar a recomendación da Organización Mundial da Saúde —40-60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano—.

"Somos olímpicos", a campaña especial de doazón de sangue chega ao Barco