A Igrexa de Santa Rita acolle o Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación
Este evento tradicional, organizado pola Deputación en colaboración cos bispados de Astorga e Ourense, é un clásico do Nadal da provincia desde 1985
O vicepresidente terceiro, Plácido Álvarez; o bispo da Diócese de Ourense, Leonardo Lemos; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, presentaron o concerto deste ano, que terá lugar o 27 de decembro a partir das 18.30.
A Deputación de Ourense, en colaboración cos obispados de Astorga e Ourense, organiza este concerto desde o ano 1985, coincidindo coa posta en marcha da Escola Provincial de Gaitas, coa filosofía de levar as músicas do Nadal a distintas localidades da provincia de Ourense.
A Real Banda de Gaitas iniciará a súa actuación coa Marcha Procesional dos Caladiños, pasando por unha suite de música céltica, seis movementos da Égloga Operística Pastora da Serra Sola así como a interpretación escenificada da Historia do Gaiteiriño da Edrada no seu camiño a Belén, incluíndo Ave María de Schubert. Xosé Lois Foxo destacou tamén a colaboración do Orfeón Valdeorrés interpretando conxuntamente coa Real a Alborada de Veiga e Himno Galego. O concerto rematará co interpretación do Himno de Ourense.
Como en cada edición, homenaxéase a unha persoa que se distingue na preservación dos cánticos de tradición oral. Nesta ocasión, a persoa honrada será Aurora Lolo Rodríguez de Arnado de Oencia (León). Coa participación de Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno así como recoñecidas cantareiras da contorna como Jacinta Fernández Alonso de Lentellais, Isabel González Correira de Arcos de Vilamartín, a violinista Tatiana Kostomarova, así como as Cantoras de Trives, preténdese mostrar toda a tradición musical do tempo de Nadal.
Plácido Álvarez destacou que «un dos valores deste concerto de Nadal é que cada ano celébrase nun punto diferente da provincia de Ourense, algo que nos concellos pequenos celebramos moito. Non obstante hai unha excepción, xa que cada catro anos a cita ten por escenario a catedral de Ourense, e por iso no ano 2026 volverá este concerto ao templo ourensán».