jueves. 26.06.2025

O BNG exige compatibilizar os buses de Valdeorras co tren da Gudiña

«A día de hoxe se queres ir desde Valdeorras en tren a Madrid só poderás subir á Gudiña no bus que sae do Barco ás 5:45 e chega á Gudiña ás 6:45. O tren chega ás 8:24 horas polo que a espera será de máis de hora e media»,
O BNG exige compatibilizar os buses de Valdeorras co tren da Gudiña

A deputada do BNG e concelleira na Rúa, María Albert, ven de denunciar a situación que padece a veciñanza dos concellos de Valdeorras desde xuño, ante a incompatibilidade das liñas de bus da Xunta de Galicia que servían para comunicar á comarca coa alta velocidade de ferrocarril que fan parada na estación da Gudiña.

«A día de hoxe se queres ir desde Valdeorras en tren a Madrid só poderás subir á Gudiña no bus que sae do Barco ás 5:45 e chega á Gudiña ás 6:45. O tren chega ás 8:24 horas polo que a espera será de máis de hora e media», sinala a deputada nacionalista.

Máis difícil aínda sería a outra posibilidade, que é coller o autobús que sae do Barco ás 9:30 horas e chega á Gudiña ás 10:30. Aquí o tren xa saíu ás 9:58 horas (é dicir, 32 minutos antes) polo que podes agardar ao tren das 13:42 horas (3 horas e 12 minutos máis tarde) «o que só se pode cualificar como despropósito».

O mesmo acontece ao regreso da capital do Estado. Os trens da tarde chegan á Gudiña ás 17:40 e as 21:00 horas respectivamente, mentres que o único autobús que sae da localidade cara Valdeorras faino ás 19:00 horas. «De novo, inútil. E dobremente inútil o bus da mañá que arranca da localidade ás 7:00 horas mentres que os trens chegan ás 10:01h».

Albert lembra que Valdeorras ten sido unha das grandes damnificadas nas últimas décadas polas decisións tomadas polos sucesivos gobernos centrais no referido á conectividade por ferrocarril. 

«Os gobernos do Estado, independentemente da cor, foron pechando estacións, e eliminando frecuencias e en definitiva depauperando até deixar practicamente inane o servizo na liña Palencia – A Coruña». Polo que agora mesmo para desprazarse a Madrid desde Valdeorras tense que facer obrigatoriamente a través da liña que ten parada na Gudiña, co que resulta fundamental que as frecuencias de autobuses que comunican O Barco de Valdeorras e A Gudiña sexan complementares ás liñas de ALVIA e xa non o desde o mes de xuño de 2021.

Por isto o BNG vén de presentar iniciativas parlamentares para demandar da Xunta modificar os horarios e frecuencias das liñas de autobuses A Gudiña - O Barco de Valdeorras, en ambos sentidos, para garantir a súa compatibilidade cos horarios do tren ALVIA A Gudiña-Madrid. E tamén modificar os horarios das liñas de autobuses O Barco de Valdeorras – O Bolo para que permitan á veciñanza dos concellos da comarca de Valdeorras facer uso das mañás na cabeceira comarcal con garantías.

O BNG exige compatibilizar os buses de Valdeorras co tren da Gudiña