
Mentres descende o número de aulas e docentes un 20%, aumenta o alumnado con necesidade de educación especial sen que se creen prazas de profesorado de atención á diversidade
O sindicato Comisións Obreiras Ensino de Valdeorras ven de denunciar que o persoal docente e non docente está en mínimos históricos na comarca. Así o manifestaban na xornada do xoves 29 de maio en rolda de prensa, na que apuntaban que «no curso 18-19 perdéronse, respecto ao curso anterior, no oriente ourensán dúas aulas de primaria e catro docentes que se sumaron ao 20% de aulas e docentes se perderon dende o 2009».
Explican dende o sindicato que ata o de agora «a administración educativa paliaba este déficit de profesorado mediante adxudicacións provisionais curso a curso, que aínda que non eran o ideal, sí que viñan a cubrir de maneira relativamente razoable as necesidades dos centros educativos».
CCOO Ensino en Valdeorras fixa tamén a súa atención no profesorado de atención á diversidade -—pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe—- nos centros de infantil e primaria no Barco de Valdeorras, do que destaca a sobrecarga de traballo á que está sometido. A causa, «o aumento exponencial do alumnado con necesidades educativas nos últimos anos nesta comarca e especialmente no curso vixente». En datos, os centros do municipio teñen neste curso, 26 alumnos máis que no curso 16-17, «procedentes de diferentes países como Siria, Ucrania e Pakistán, que requiren dunha atención á diversidade evidente ao ter un descoñecemento total da linguaxe».
Desde CCOO quíxose por remedio á situación e propuxeron á Consellería que a solución «aceptable non óptima« pasaría por ter un único profesor de audición e linguaxe compartido entre dous centros. A resposta por parte da Xunta foi que «por criterios economicistas, por cartos, non era factible o do profesor».
CCOO Ensino entende que é urxente a convocatoria do consello escolar municipal para tratar este tema de suma importancia para os centros do concello o estar en perigo piares básicos do sistema educativo como son unha educación en equidade e igualdade e «reclamarlle a administración educativa que dote os centros co persoal necesario para garantir un ensino de calidade na nosa comarca». Dende esta organización sindical instase a que o novo goberno municipal que saia dos comicios do día 26M convoque este consello no mais breve prazo posible, «para correxir estes defectos que hai en recursos humanos». De non ser así «farase un chamamento os centros e a comunidade educativa do Barco para movilizarnos antes do inicio do curso» , en protesta por esta falta de recursos e abandono da administración autonómica do rural.
Persoal Laboral
CCOO Ensino denuncia a perda dunha coidadora —había tres— no CEIP Condesa de Fenosa no mes de maio, para trasladar esa praza ao CPI Tomás Terrón de Sobradelo para cubrir unha necesidade nese centro. CCOO Ensino considera fundamental que o persoal que traballa con alumnado de necesidades educativas especiais teña unha continuidade. «Non son cromos» os que pasar dun centro a outro. O cambio dunha coidadora neste punto do curso pode perxudicar ao alumnado co que traballan. Ensino cre que a administración debería mostrar un máis respeto polo traballo do persoal e sensibilizarse coas necesidades do alumnado entendendo que, a solución óptima sería crear unha nova praza no CPI Tomás Terrón de Sobradelo.
Persoal administrativo
CCOO Ensino considera inaceptable que o IES Lauro Olmo leve dende setembro sen contar cunha das dúas administrativas das que sempre dispuxo. Dita administrativa compartía centro co CPI Tomás Terrón de Carballeda de Valdeorras cuxo equipo directivo está a asumir as tarefas administrativas. «Tras nove meses de mentiras» por parte da xefatura territorial de educación en Ourense o IES Lauro Olmo vai afrontar o período de matriculación de preto de 700 alumnos cunha única administrativa, un centro que dispón de ensinanzas obrigatorias (ESO e Bacharelato) e non obrigatorias (EOI, FP e adultos) coa dificultade que conleva a súa xestión a nivel administrativo.
CCOO Ensino denuncia a incapacidade da xefatura territorial da Consellería de educación para solucionar un problema que prometeu que se ía a solucionar nun breve prazo de tempo demostrando non ser un interlocutor válido para defender os dereitos dos traballadores do ensino ante unha administración autonómica cun único obxectivo, a centralización das ensinanzas en torno as capitais de provincia.