Non levaba unha guitarra convencional. A súa estaba construída cunha lata de aceite dos coches. E probablemente esa imaxe xa resumía o que estaba a piques de acontecer nos xardíns da Casa Grande de Viloira, nada ía ser convencional.
O escritor, poeta, mestre, guionista e narrador oral Lois Pérez protagonizou este martes a terceira cita da XIV edición do Ciclo De Perto cun espectáculo difícil de encaixar nun único xénero. "Da vara e mais da besta" é, como el mesmo o define, unha peza de «indocumentación artística» onde conviven a poesía, a música, a memoria rural, os relatos urbanos e un humor intelixente que non deixa indiferente a ninguén.

A pesar de coincidir practicamente coa semifinal do Mundial entre España e Francia, o público respondeu á convocatoria e ocupou as cadeiras dispostas nos xardíns da Casa Grande para asistir a unha proposta que acabou converténdose nun diálogo permanente entre o escenario e os asistentes. Entre eles o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; ou o director de Furafollas Agrupación Teatral, Anxo Baranga.

Nada máis subir ao escenario, Lois Pérez botou man da súa habitual retranca para romper o xeo. «Sinto pola selección, que vai perder público», comentou entre risas, antes de presentarse como alguén que «vén do afastado, do salvaxe, do lonxano».
A partir dese momento o espectáculo deixou de ser un monólogo para converterse nunha experiencia compartida.
Entre Filadelfia, a Terra Chá e unha lata de aceite
Coa súa peculiar guitarra eléctrica, construída sobre unha lata de aceite de coche, foi poñendo banda sonora a poemas e historias que viaxaban con absoluta naturalidade da Terra Chá a Filadelfia, pasando polos bares, as vías do tren, o rock ou a literatura.

Contou como unha viaxe para asistir a un concerto dos Stones acabou dando forma ao poemario Lugo Philadelphia e recoñeceu, entre bromas, que «o máis absurdo que fixen na miña vida foi ir a Estados Unidos facer un libro de poesía que falaba case todo da Terra Chá».
Esa mestura de memoria persoal, humor e poesía converteuse nun dos fíos condutores dunha actuación na que cada relato parecía rematar nun sorriso colectivo.

Un público convertido en protagonista
Se algo caracterizou a actuación foi a capacidade de Lois Pérez para implicar aos asistentes. Nun dos momentos da noite dividiu o público en dous grupos para recrear o ambiente dun bar irlandés de Filadelfia. Uns responderían ao seu sinal cun «Go, go, go»; os outros contestarían cun «Yes, yes, yes».
A simple proposta acabou transformándose nun divertido xogo colectivo no que o público entrou desde o primeiro momento, respondendo ás súas indicacións entre gargalladas e aplausos.

Esa complicidade mantívose durante toda a actuación. O escritor non só recitou poemas nin contou historias; conversou cos asistentes, improvisou, xogou coa retranca e conseguiu que cada intervención parecese distinta da anterior.
Un referente da literatura galega contemporánea
Lois Pérez é unha das voces máis recoñecibles da creación literaria galega actual. Poeta, narrador e dramaturgo, é autor de obras como LP, Long Play, Lugo Philadelphia ou a recente novela Hoxe toca Leiva?, ademais de recibir galardóns como o Premio Raíña Lupa, o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa pola Igualdade, o Premio María Victoria Moreno ou o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega.

Compaxina a súa faceta literaria coa docencia, a narración oral e un intenso labor de defensa da tradición oral e da lingua galega.
A súa presenza en Viloira confirmou unha vez máis o espírito do Ciclo De Perto: traer á comarca propostas culturais capaces de emocionar, sorprender e facer partícipe ao público. Porque iso foi precisamente o que conseguiu Lois Pérez. Máis que ofrecer un espectáculo, fixo sentir aos asistentes que tamén formaban parte del.
