martes. 16.06.2026

O IES Martaguisela recuperará os libros de texto e reforza a súa aposta por unha educación máis centrada na aprendizaxe

O centro do Barco abandona o programa E-Dixgal tras seis anos e reivindica un modelo baseado na proximidade, a atención ao alumnado e unha oferta educativa diversa
somoscomarca_iesmartaguisela_natalianogueira

O IES Martaguisela do Barco de Valdeorras afronta o próximo curso cunha importante novidade: o regreso aos libros de texto tradicionais como ferramenta principal de aprendizaxe. Trátase dunha decisión meditada polo claustro e que, segundo explica a directora do centro, Natalia Nogueira, busca mellorar a concentración e favorecer un proceso educativo máis eficaz sen renunciar ás competencias dixitais.

A responsable do instituto define esta medida como «un paso atrás que en realidade é un gran paso adiante». Tras seis anos participando no programa E-Dixgal, o centro decidiu abandonar un modelo que baseaba boa parte dos materiais didácticos no uso de ordenadores portátiles e aulas virtuais.

«Non estamos contentos co resultado. Parécenos que tanto ordenador non favorece a concentración e dá lugar a máis oportunidades de distracción», explica Nogueira. Por este motivo, o Martaguisela recuperará os libros de texto de maneira integral, mantendo os recursos tecnolóxicos para aquelas materias e actividades nas que resulten realmente necesarios.

A directora insiste en que esta decisión non supón renunciar á innovación nin á formación dixital do alumnado. «Iso non quere dicir que vaiamos estar atrasados en tecnoloxía. Hai materias específicas para traballar esas competencias e seguiremos empregando ferramentas dixitais cando teñan sentido educativo», subliña.

Un centro que aposta pola proximidade

Máis aló dos resultados académicos, o Martaguisela reivindica un modelo baseado na cercanía e no acompañamento personalizado do alumnado. Segundo Natalia Nogueira, unha das claves do funcionamento do centro é precisamente esa capacidade para atender ás necesidades de cada estudante dentro das posibilidades existentes.

«Intentamos estar pendentes deles, acompañalos e individualizar o máximo posible», asegura a directora, que tamén destaca o papel fundamental das familias no éxito educativo dos mozos e mozas.

Nese sentido, defende a importancia dunha comunicación fluída entre profesorado, alumnado e pais e nais. «Sempre animamos ás familias a que veñan, que chamen e que se comuniquen con nós. É a mellor maneira de traballar todos na mesma dirección», afirma.

Unha oferta educativa singular na comarca

O instituto mantén unha ampla oferta formativa que inclúe ESO, Bacharelato Científico-Tecnolóxico, Bacharelato de Ciencias Sociais e Humanidades e o Bacharelato de Artes, unha modalidade da que é referente na contorna.

De feito, o Martaguisela é o único centro da comarca que ofrece estes estudos artísticos, unha opción que a dirección considera fundamental para ampliar as posibilidades formativas do alumnado.

«Moitas veces pensamos nas saídas tradicionais, pero hoxe as artes tamén teñen cabida en sectores como o deseño gráfico, os videoxogos, as páxinas web ou a creación audiovisual», explica Nogueira, quen considera necesario seguir reivindicando o valor das disciplinas artísticas como opción profesional de futuro.

Un proxecto educativo avalado polos resultados

A recente consecución de cinco excelencia académicas na PAU por parte de alumnado do centro converteuse nun motivo de satisfacción para toda a comunidade educativa, aínda que desde a dirección insisten en que o protagonismo debe recaer nos estudantes. «Sentimos orgullo e alegría por eles. O mérito é das rapazas e dos rapaces, do seu esforzo e tamén do apoio das súas familias», sinala Natalia Nogueira.

Con todo, a directora aproveita para lembrar que o éxito educativo non se mide só polas máximas cualificacións. «O noso recoñecemento é para todo o alumnado. Para os que conseguiron excelencia e tamén para os que traballaron moito e seguirán o seu camiño por outras vías», conclúe.

Coas portas abertas a novos estudantes e novas familias, o IES Martaguisela encara o futuro apostando por unha educación que combina innovación e tradición, tecnoloxía e pensamento crítico, proximidade e acompañamento, mantendo como obxectivo principal a formación integral do alumnado.

O IES Martaguisela recuperará os libros de texto e reforza a súa aposta por unha...