Entrar en Fervenza durante estas datas é como abrir as páxinas dun libro de Nadal. Galletas de xenxibre, piruletas xigantes, luces que penduran das casas, renos, coroas nas portas, figuras de madeira, porcos, pitas e un sinfín de detalles conforman un escenario máxico que cada ano atrae máis visitantes. “A idea é ver un pouco de cor, porque senón todo está moi apagado”, explica Gara Ojea, alma mater desta iniciativa que xa se converteu nun referente do rural.
Gara non só anima a achegarse a Fervenza, senón tamén a poñer en valor o propio territorio: “Que a xente o faga nas súas aldeas e que reivindique o rural, porque é moi importante”. Este ano, o proxecto medra cun percorrido formado por 13 puntos de interese, todos eles elaborados con mimo e cunha aposta clara pola sustentabilidade.
Creatividade e reciclaxe: a esencia da decoración
A temática continúa a liña do ano pasado, sempre con ese aire de conto que caracteriza á iniciativa. A madeira segue a ser o material estrela: “É o que máis nos aguanta”, sinala Gara. Xunto a ela, multitude de elementos reciclados dan vida a novas creacións: latas convertidas en adornos, bolas antigas repintadas como bombóns e ata unha máquina de coser feita integramente en madeira.
Segundo conta Gara, sería imposible contabilizar todas as pequenas pezas que compoñen o conxunto, pero si teñen claro que a decoración supera o millar de elementos, ademais de máis de 700 metros de luces que iluminan as noites.
Un mapa máxico con 13 paradas
Os puntos decorados corresponden a casas particulares, ademais dalgúns espazos comunitarios como o local social, o forno e o lavadoiro. O forno e a casa do Apalpador poden visitarse durante as fins de semana, mentres que o resto do percorrido permanece accesible todos os días. As luces acéndense arredor das cinco e media da tarde grazas a un programador automático, e mantéñense ata aproximadamente as once ou doce da noite.
O local social, aínda que non está decorado no interior, abre as súas portas para que as crianzas poidan deixar as súas cartas no buzón, unha das iniciativas que xa se consolidou desde o ano pasado.
Fervenza, unha parada obrigatoria
Con novas escenas, a Casa das lambetadas, Casa dos embutidos, Casa das pnxoliñas, unha adega decorada, unha costureira de conto e espazos que se amplían ano a ano, Fervenza reafírmase como un exemplo do poder da colaboración veciñal. A creatividade, o aproveitamento de materiais e o orgullo polo rural converten este pequeno pobo nun destino imprescindible para quen busca vivir o Nadal de maneira auténtica.
Este ano, máis ca nunca, Fervenza agarda por quen queira deixarse sorprender pola maxia, a cor e o corazón dunha comunidade que cre no poder das pequenas cousas.
